Comeza a reforma da rúa do Rouco

19
  • Inclúe a renovación de todos os servizos soterrados e tratamento en superficie para dar prioridade e seguridade aos usuarios do centro de ensino de Barcelos.
  • Xunto ás reformas de Echegaray, Ponte do Burgo, Gorgullón e Lepanto, o Concello ten en marcha máis de 4,3 millóns de euros en reformas urbanas na cidade

A rúa Rouco estará en obras dende hoxe pola mañá. A empresa adxudicataria da obra, E.C.Casas comezará co traslado de material (casetas de obra, achegas de material…) para comezar coa demolición de beirarrúas nos días seguintes. 

A reforma do Rouco foi adxudicada por 167.593,16 euros e ten un prazo de execución de catro meses, que se podería reducir para tratar de axustarse ao inicio do curso escolar, a mediados de setembro, cando menos na zona máis próxima ao colexio de Barcelos. Precisamente, ao ser unha das vías de acceso a este centro de ensino a reforma pretende garantir a seguranza peonil nas entradas e saídas do alumnado ao colexio, tal e como solicitou a Anpa.

O proxecto contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros, e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros. 

 A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.

A obra do Rouco vénse a sumar as reformas urbanas que están en plena execución neste momento na cidade: 

  • Rúa Echegaray. Executada por Covsa con cargo ás melloras do contrato da auga ofertadas pola concesionaria Viaqua. Ten un custe de 696.000 euros e un prazo de execución de seis meses. As obras comezaron o pasado luns, 8 de xullo. Consiste na renovación de todos os servizos, ademais do tratamento en superficie.
  • Ponte do Burgo. Pechada ao tránsito na pasada semana. Adxudicada á  UTE Imesapi – E.C.Casas por valor de 1.326.977 euros; e a Setga a iluminación por valor de 730.840 euros; en total, 2,057.817 euros cun prazo de execución de 12 meses. Acométese nestes momentos o enlousado de pedra de toda a Ponte. Está cofinanciada cos fondos europeos FEDER para a mellora do Camiño de Santiago.
  • Rúa Gorgullón. Incluída dentro do proxecto de mellora do Camiño de Santiago e, polo tanto, cofinanciada con Fondos FEDER. A empresa E.C.Casas foi a adxudicataria da obra cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses. Nestes momentos acométese o enlousado de toda a rúa.
  • Rúa Lepanto. Nos vindeiros días poderase ver o avance da rúa unha vez rematada a instalación de todos os servizos soterrados. Foi adxudicada a E.C.Casas por 183.401,08 euros e un prazo de 4 meses.