Músicos de Pontevedra abren e pechan o Festival Internacional de Jazz e Blues da cidade

42
  • Mr. River ofrecerá o concerto de apertura na praza do Teucro e Gabriel Peso Trío o de peche na praza da Ferraría
  • A 27 edición deste Festival terá lugar entre os días 23 e 28 de xullo e inclúe obradoiros, jazz de taberna e jam-sessions

A 27 edición do Festival Interncional de Jazz e Blues de Pontevedra, que terá lugar entre o martes 23 e o domingo 28 de xullo, sitúase como “o único referente deste tipo de festivais e nas Rías Baixas”, en palabras de Carme da Silva. A concelleira de Festas, que cualificou a cita como “unha das grandes xoias do verán pontevedrés”, presentou esta mañá esta iniciativa acompañado por dous dos seus organizadores, Luis Carballo e José Antonio Ortiz.

Os organizadores destacaron desta edición que comeza e pecha con concertos a cargo de músicos de Pontevedra. Ao igual que en anteriores anos, os concertos serán de balde e terán lugar nas prazas do Teucro e da Ferraría. O primeiro deles, será o do pontevedrés  Mr. River na praza do Teucro, seguido do madrileño Álvaro del Valle Quartet, ambos na praza do Teucro. Mentres, na Ferraría actuará, o xoves, Joey DeFrancesco Trío, un virtuoso e referente do órgano Hammond; o venres será a quenda de Judith Hill; o sábado actuará José James; e o domingo, pechará o ciclo Gabriel Peso Trío. O último concerto ten o aliciente de que Gabriel Peso, ademais de ser pontevedrés, iniciou na cidade a súa carreira musical e xa é a segunda vez que actúa neste Festival. Todos os concertos terán lugar ás 22:30h.

Ademais dos concertos, o Festival tamén inclúe jazz pola rúa a cargo de Street Band, e obradoiros de formación musical baixo o nome ‘Pontejazz worksop’ que terán lugar no antigo conservatorio e serán impartidos por Álvaro del Valle. 

Por segundo ano consecutivo, volven programarse sesións vermú, denominadas ‘jazz de taberna’, que terán lugar de venres a domingo ás 13h na Taberna do jazz. Nestas sesións vermú participarán Quest Trío, Standards Zone, e Frequency Trío. E por último, todos os días do Festival a medianoite na Gramola están previstas jam-sessións a cargo de Javier Abraldes Trío, Nacho Pérez Trío, Miguel Ponce Trío, Rosolino Marinello Trío, Alberto Rial Trío e Pedro Freijeiro Trío.

Ante esta programación, a concelleira responsable de Festas salientou que “ano tras ano chegan músicos galegos de primeiro nivel e de gran calidade para participar neste Festival”. Carme da Silva tamén tivo unha mención especial para o deseño do cartaz pola súa creatividade estética afirmando que “ademais están feitos por unha empresa pontevedra e merecen ser considerados cartaces de colección”.

COMPARTIR