Lores repasa con Feijóo os proxectos da Xunta en Pontevedra

64

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta semana unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na sede administrativa da Xunta en Pontevedra para abordar os asuntos que o Goberno galego ten en marcha na cidade, ou os que están por proxectar.

O alcalde recordoulle ao presidente a importancia de que exista “lealdade institucional e tentar resolver os problemas dos cidadáns, que é a nosa obriga”. De feito, afirmou que a liña de traballo do Concello de Pontevedra é pór sobre a mesa temas con solucións razoables en tempos razoables “sen demandar cousas difíciles de executar”.

Nesta mesma liña se situou o presidente da Xunta quen cualificou o encontro de “cordial” e asegurou que “ambas administracións estamos contentas de como van as cousas na cidade do Lérez”.

A reunión centrouse nos temas recollidos nun dossier previamente enviado dende a Alcaldía de Pontevedra ao presidente da Xunta. Segundo o relatorio do alcalde Lores os asuntos tratados foron:

Variante de Alba, que se atopa na actualidade en exposición pública. A proposta da Xunta non foi a proxectada polo Concello, que agora asume como alternativa viable polo que o alcalde pediu “que se teñan en conta todas as afectacións e que se resolvan o mellor posible, pero se trata dunha obra moi necesaria para Pontevedra”. Ademais o alcalde explicou que é preciso mellorar o paso Camiño de Santiago por esta zona na que existe un verdadeiro problema de seguranza viaria na zona.

O presidente da Xunta indicou que o proxecto terá 2 carrís, estará en licitación no primeiro trimestre de 2019 e terá un custe de 8 millóns de euros. En paralelo construirase unha senda peonil para dar servizo ao Camiño de Santiago. 

A estación intermodal está en marcha. O alcalde pediu que se conte coa opinión dos técnicos municipais á hora de realiza a intervención nos arredores das estacións de bus e tren, especialmente agora cando o Concello reforma a rúa Gorgullón que desemboca fronte a estación de autobús. Fernández Lores agradeceu ao presidente da Xunta que teña apostado por levantar un pequeno tramo do río dos Gafos e propuxo a posibilidade de retirar a cuberta proxectada para unir as estacións de tren e de autobús.

O presidente da Xunta confirmou o investimento de 3,4 millóns para remodelar o exterior das estacións e conectar a de autobuses con Josefina Arruti; así como 2,4 millóns de euros para reformar a propia estación de autobuses.

A senda do Gafos foi outra das peticións do alcalde, que defende a súa continuidade até a parroquia de Tomeza, pasado o nó do Marco. Solicita a colaboración de Augas de Galicia que é a competente na materia, coa posibilidade de que o Concello faga un anteproxecto e, incluso, a senatura dun convenio económico. Lores defende esta tramitación por ser a administración autonómica a que ten máis axilidade nos expedientes.

O presidente da Xunta confirmoulle ao alcalde que ía transmitir a petición á Consellería de Infraestruturas para ver se se pode cofinanciar a senda. Aínda que é unha senda que non está contemplada dentro da rede recollida pola Xunta de Galicia en todo o país, “nos parece proporcionado e axeitado”.

O Gran Montecelo é un dos asuntos capitais da carteira de proxectos. É un proxecto en marcha, totalmente imprescindible e necesaria, en palabras de Fernández Lores, “para que teñamos uns equipamentos sanitarios dignos”.

A Xunta de Galicia aprobará este mes de xullo o Plan Sectorial e sacará a licitación a obra a finais de 2019, para que o novo hospital poida estar en construción en 2020 por un importe que superará os 100 millóns de euros. Unha vez rematado este edificio, a Xunta xa traballa na reforma do actual Montecelo.

O transporte metropolitano e urbano foi outro dous asuntos nos que se chegou a acordo. Tanto o alcalde como o presidente da Xunta acordaron iniciar as conversas para aproveitar a economía a escala do transporte metropolitano e transformalo en urbano ao seu paso pola cidade. Ambas administracións sentaranse a definir as paradas na cidade (o transporte metropolitano de Pontevedra ten que estar adxudicado a final de ano), e o Concello tramitará un transporte a demanda de uso nas parroquias para atender os tráficos que non se poden atender co transporte metropolitano.

A residencia da terceira idade xa existe acordo sobre o terreo da Parda e a Xunta elabora un anteproxecto para a construción dun edificio que, segundo o presidente Feijóo, vaise a licitar “este ano” por uns 10 millóns de euros.

O Pavillón da Parda é un proxecto demorado por parte do Concello (debido a tramitacións administrativas e expropiacións) pero sobre o que segue existindo o compromiso do Xunta para financiar unha parte. O alcalde comprometeuse a que pola mañá terá un uso para o CGTD e pola tarde para os clubs da cidade.

O alcalde tamén lle transmitiu o interese do Concello por recuperar os terreos ocupados polas administracións na Xunqueira da Gándara (Alba), polo tanto, tamén os da Xunta de Galicia. E informoulle da posibilidade de que a Xunta vaia buscando alternativas a eses terreos que agora ocupa.

Sobre a EDAR dos Praceres, o alcalde recordoulle que o gran problema  é o exceso de carga cando se engaden as augas pluviais, que maioritariamente proceden dos concellos de Poio e Marín, e tamén do Porto. “Nós imos seguir eliminando pluviais -aínda que a rede de Pontevedra está completa ao 98%- pero queremos que esa responsabilidade non recaia solo sobre Pontevedra porque nós non producimos ese exceso”.

O presidente da Xunta lembrou que no mes de marzo se licitou a mellora das actuais instalacións cun investimento de 15 millóns de euros, e a continuación farase un novo emisario submarino. Amosouse de acordo en que “a depuradora non se pode colapsar con pluviais, e os concellos que a usan teñen que cumprir con ese compromiso”.

O dragado do Lérez, “necesidade e demanda histórica da cidade”, en palabras de Lores terá solución empregando un dos puntos de verquido habilitado pola administración xeral do Estado para verter os áridos inocuos que se retirarán do Lérez. O alcalde indicou que “Pontevedra non quere facer dano a ningún ecosistema, pero si que quere que se drague a ría”.

Outros temas abordados foron o remate das obras dos novos xulgados que será ao longo deste mes; a mellora da estrada de Vilagarcía; o traslado ou mellora do punto de encontro na cidade; a próxima ampliación da terceira fase do Carlos Oroza; a colaboración no tratamento dos residuos orgánicos; mellora da seguridade viaria en estradas que son competencia da Xunta de Galicia, como a estrada de Campo Lameiro; “ou que a TVG nos trate con máis cariño”, dicía o alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernández Lores quen reclamou unha delegación para a cidade ou ben unha información máis exhaustiva sobre Pontevedra na televisión pública galega.

“Valoro positivamente esta entrevista”, explicou Fernández Lores que recoñeceu que a Xunta pasou por momentos de financiación complicados nos últimos anos, e na última lexislatura cambiou a situación económica e tamén a de colaboración co Concello, cousa que agradecemos que confiamos en que siga nesta senda de cara ao futuro”.