‘Pinto e Maragota’ organiza vermús para visibilizar e concienciar sobre diversidade sexual

314
  • Trátase de catro propostas culturais que se celebrarán os penúltimos sábados de xullo, agosto, setembro e outubro
  • Música, danza, performance, poesía e faladoiros amosarán a diversidade dentro do colectivo LGTBI 

Espazos como a praza de Méndez Núñez, a praza da Verdura, o Campiño de Santa María e o espazo gastronómico do Mercado, acollerán os catro vermús do programa municipal ‘Pinto e Maragota’ para visiblizar e concienciar á cidadanía sobre a diversidade sexual. Esta iniciativa foi presentada publicamente esta mañá pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro, quen indicou que a filosofía é “visibilizar e dignificar a diversidade sexual, usar o ocio para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de coñecer, achegarse, respectar e empatizar co colectivo LGTBI.” 

A concelleira explicou que despois dos faladoiros  que tiveron lugar no mes de xuño, se deseña unha nova proposta específica para o período estival “nos espazos públicos da cidade, principalmente ao ar libre, que combinan música, danza, performance, poesía e debates”.

A iniciativa realízase en colaboración coa hostalería da cidade, que ofrecerá os días das actividades prezos especiais nos vermús e terá lugar nos penúltimos sábados dos meses de xullo, agosto, setembro e outubro en horario de mañá.  Paloma Castro afirmou que “as actividades son variadas, tamén para amosar a propia diversidade dentro do colectivo”.

Na xornada do 20 de xullo, e baixo o título ‘Entrenanas e cascallos’, o vermú inclúe un espectáculo de danza contemporánea executado por Xiana Vilas e Isabel Sánchez e unha sesión de música a cargo do DJ pontevedrés, Moreno Moreno. Terá lugar na praza de Méndez Núñez entre as 12:30 e as 15h.

O 24 agosto está previsto que chegue a proposta de performance drag á praza da Verdura. Esta sesión corre a cargo do colectivo pontevedrés “Marikas por la fiesta”. Segundo Paloma Castro, “será unha performance reivindicativa e participativa da cultura drag”, e contará tamén coas actuacións de Niko Elsker e Nosolojavi. 

A poesía chegará o 21 de setembro ao Campiño de Santa María da man do poeta e narrador Daniel Asorey, que recitará poemas incluídos na súa obra TransMatria en diálogo coas cancións que interpretará a cantante Sanny.

A última sesión será o 19 outubro e consistirá nun faladorio sobre a vida trans en Pontevedra, en colaboración co colectivo LGTB Avante Pontevedra. Prevese a participación de Ada Otero, Brais Papiri, Nee Barros e Magnolioo e abordarase o día a día de persoas trans e non binarias na cidade.  Será no novo Espazo gastronómico do Mercado, na Rúa Serra a partir das 12,30 h.

COMPARTIR