Peche da rúa do Rouco o luns e martes para a instalación dos servizos soterrados

12
  • Garántese o acceso ao estacionamento soterrado, veciños, garaxes e servizos da zona.
  • A reforma do Rouco comezou este luns. Ten un orzamento de 167.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.

As obras de reforma urbana obrigarán a pechar a rúa do Rouco para tráfico de vehículos os próximos luns e martes (22 e 23 de xullo). De todos os xeitos, permitirase o acceso á praza de Barcelos a residentes, garaxes, servizos e ao estacionamento da praza durante o peche. Esta medida é necesaria soamente nestes dous días debido á fase que atravesa a obra: a instalación dos servizos soterrados que obriga a cortar a rúa para tráfico de paso.

O plan de tráfico contempla que os peches se realicen a partir das 09.00 horas da mañá despois de que a rúa despache a circulación de vehículos de primeira hora na zona, e estará pechada até as 20.00 horas. Nese tempo, garántese o acceso ao estacionamento e aos veciños e servizos.

Os vehículos de paso que teñan que achegarse á rúa Cobián Roffignac deberán facelo por Castelao e Daniel de la Sota.

O Concello e o departamento de Obras queren pedir desculpas e comprensión aos veciños e veciñas da zona polas molestias que poidan ocasionar estes traballos preliminares, e garante que tratará de reducir o peche ao menor tempo posible. Se as obras se realizan nun só día, abrirase a rúa de inmediato. A información do peche está comunicada aos veciños a través das caixas de correo.

A obra do Rouco comezou esta mesma semana coa apertura das gabias para a instalación das tubaxes dos servizos soterrados e demolición de beirarrúas. O orzamento de execución da obra é de 167.593,16 euros e ten un prazo de execución de catro meses, que se podería reducir para tratar de axustarse ao inicio do curso escolar, a mediados de setembro, cando menos na zona máis próxima ao colexio de Barcelos.

O proxecto contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros, e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros. 

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.