O Pazo da Cultura recibe unha posta a punto antes de iniciar a tempada de outono

28
  • Durante os meses de verán estase procedendo á limpeza de fachadas e cristais e á reposición de elementos deteriorados nas estancias interiores

As instalacións do Pazo da Cultura están sendo sometidas a traballos de acondicionamento e mantemento durante o período estival, os meses de menos actividade, de cara a acometer a nova tempada en condicións óptimas. A este respecto a concelleira responsable do recinto, Carme Fouces indica que “partimos de que o Pazo da Cultura é un espazo moi utilizado por toda a cidadanía, polo que necesita estar en permanente mantemento de aspectos cotiás pero tamén precisa de grandes limpezas e melloras constantes e aproveitamos o parón de verán para realizar as obras”. 

Estes traballos, que contan cun orzamento total de 31.114,53 euros, contemplan tres aspectos. Dunha banda, accións de limpeza nas fachadas, que debido ás súas dimensións deben ser realizados con medios especiais e, nalgúns casos, con mecanismos de elevación. Precisamente a empresa encargada da actuación, que comezou os traballos o pasado 6 de xullo, xa realizou a limpeza da pizarra da fachada na zona de entrada do Pazo e a retirada dos vinilos das cristaleiras do cubo da Sala de exposicións. Neste momento, está procedendo á limpeza dos cristais do Auditorio desde o interior, para posteriormente proceder á súa limpeza desde o exterior e ao pintado da estrutura metálica (que enmarca os cristais) e do portalón de acceso.

Doutra banda, tamén está prevista a reposición de elementos deteriorados en diversas estancias do interior. Esta actuación está encamiñada ao mantemento de elementos de pouca embergadura, mais de uso cotián e imprescindibles para a actividade e o funcionamento diario das instalacións. Neste apartado cóntase a reposición de extintores, o intercambiador de aire acondicionado, o arranxo e reposición de accesorios en baños, a substitución de pezas deterioradas en todos os radiadores, e a colocación de platos de ducha nos camerinos e reposición de luces.

Por último, tamén se contempla acometer a inspección periódica de baixa tensión e do centro de transformación. Trátase da inspección periódica obrigatoria para os locais de pública concorrencia, como é o caso do Pazo da Cultura, que acolle tanto a persoal propio como a persoas alleas que acoden a eventos, espectáculos e actividades recreativas.

COMPARTIR