Benestar Social e a Redeaxuda unen esforzos para dar unha resposta á ‘diáspora’ de familias venezolanas

20
  • A concelleira socialista Paloma Castro quere mellorar as canles de comunicación e coordinación entre a decea de colectivos que forman parte desta plataforma solidaria

Aínda que a demanda de axuda aos colectivos que forman parte da plataforma solidaria Redeaxuda reduciuse ultimamente de xeito moi substancial en comparación cos anos da crise económica, a inestabilidade política de Venezuela produciu un incremento de solicitudes de asistencia por parte de familias procedentes do país sudamericano. Co obxectivo de dar resposta ás necesidade que plantexa esta nova situación, a Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, e a decea de entidades que conforman a ‘rede’ decidiron buscar fórmulas de colaboración para ofrecerlles asesoría xurídica e administrativa á comunidade venezolana.

A medida plantexouse durante un encontro mantido hoxe na Casa Azul pola edil do PSOE con voceiros de Cáritas, Fundación Amigos de Galicia, Calor y café, Fundación Secretariado Xitano, Club de Leones, Rexurdir e Fundación Meniños. Tal e como subliñou Paloma Castro, aínda que as asociacións lle transmitiron que a situación das familias de Pontevedra mellorou en xeral con respecto á época da crise, “o número de inmigrantes que proveñen de Venezuela aumenta cada vez máis e, na meirande parte dos casos, tardan até dez meses en obter os seus papeis, non puidendo traballar legalmente mentres agardan por eles”.

Coa finalidade de prestarlles auxilio, tanto a concelleira de Benestar Social como os representantes dos colectivos coincidiron na necesidade de poñer en marcha un servizo de asesoría xurídica e de axuda nas farragosas tramitacións burocráticas.

Castro calificou de “moi positiva” esta primeira reunión mantida coas entidades da Redeaxuda, que serviu para “intercambiar puntos de vista sobre as necesidades sociais da cidade” e para poñer sobre a mesa “algúns puntos que hai que mellorar”, como a necesidade de aumentar a coordinación entre os diferentes colectivos. “Hai que optimizar as canles de comunicación entre as asociacións de cara a incrementar a eficacia do servizo. Por exemplo, houbo casos de usuarios que podían ter feito cursos que ofrecían outras entidades, pero que non os fixeron porque non se enteraron. A coordinación ten que mellorarse neste eido”, apuntou a socialista.