O Concello retoma a tramitación da urbanización da finca do Teucro

16

A Comisión de Urbanismo someteu esta mañá a informe a consulta da promotora que promove o proxecto de urbanización da coñecida como a finca do Teucro. Segundo informou o concelleiro de urbanismo, Xaquín Moreda, a consulta refírese á necesidade ou non de contar cun novo informe de impacto ambiental, toda vez que o expediente de urbanización estaba caducado por mor da crise.  

“Desde entón cambiou a normativa e coa nova norma pode ser que non faga falta novo informe de impacto ambiental” indicou Moreda, quen anunciou que de non ser necesario este informe “solicitaráselle á promotora de novo o proxecto de urbanización”.

Moreda explicou que este proxecto corresponde á unidade de actuación 5, situada fronte á basílica de Santa María, e que a pesar de ter aprobado o PERI (Plan Especial de Reforma Interior) e o proxecto de equidistribución, non se chegara a emitir o informe de impacto ambiental no seu día. 

Ante o reinicio da tramitación desta urbanización, Xaquín Moreda asegurou que “vese que hai un pequeno movemento de licenzas e solicitudes e que se move un pouco o mercado”. 

O proxecto contempla a construcción de varios bloques de vivendas cunha gran praza central destinada a zonas verdes, con áreas de xogos e de lecer. Esta praza central conta  cunha superficie de algo máis de 3.000 metros cadrados, e cunha superficie de rede de comunicación viarias de algo máis de 4.000 metros cadrados.

COMPARTIR