A Concellería de Deportes e a AECC aspiran a acadar unha ‘marea verde’ de 2.500 persoas contra o cancro

52
  • O departamento que dirixe Tino Fernández extende a súa colaboración coa marcha solidaria Andar e Correr contra o Cancro, que na súa III edición aspira a ter 1.000 participantes máis que en 2018

Acadar unha participación récord de 2.500 persoas é un dos obxectivos que a Concellería de Deportes e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) se marcaron para a III edición da marcha solidaria Andar e Correr contra o Cancro, que terá lugar en Pontevedra o primeiro domingo de outubro (día 6). Deste xeito, a ‘marea verde’ que en 2018 saíu á rúa para amosar o seu respaldo ao evento deportivo da AECC vería incrementada en 1.000 asistentes as 1.500 persoas que asistiron o ano pasado.

O reto foi lanzado no contexto dunha reunión mantida polo socialista Tino Fernández, alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, con Carmen Abeledo, voceira da xunta directiva da AECC de Pontevedra, e Eva Barrio, responsable de Comunicación e Marketing da asociación. Barrio avanzou que a inscripción nesta proba solidaria non competitiva, “na que tódalas persoas teñen cabida, ao dispor dun percorrido adaptado a persoas con mobilidade reducida, “terá un custe de entre cinco e seis euros (gratuíta para os nenos de menos de doce anos)”.

A marcha desenvolverase nun circuíto urbano de 6,5 kilómetros totalmente prano, con punto de partida e retorno na Gran Vía de Montero Ríos e pasando polos seguintes espazos do concello: Praza de España, Arcebispo Malvar, Rúa Galera, avenida de Uruguai (paseo), Ponte das Correntes, paseo do río Rons, A Xunqueira de Alba, rotonda da ponte do Burgo, Paseo de Domingo Fontán, ponte de Santiago, Padre Amoedo, Serra, Praza de Curros Enríquez, Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola e Michelena, antes de regresar á Praza de España e a Alameda.

A iniciativa ten como principais obxectivos fomentar a actividade física e o deporte na cidade; recadar fondos para financiar proxectos de investigación oncolóxica; difundir o labor desempeñado pola AECC, e crear un evento solidario coa proxección de chegar, nun tempo, aos 5.000 participantes. Non obstante, a marcha xa pasou dos 800 asistentes da súa I edición, celebrada cunha camiñada no Pontillón do Castro en 2017, a uns 1.500 corredores e marchadores en 2018.

Unha gran festa para pechar o evento

O evento contará cunha multitude de actividades paralelas, como puntos informativos, avituallamento, sorteo de regalos e xogos para nenos. Asemade, e baixo o lema de ‘Domingo saudable en familia’, ao final da marcha celebrarase unha festa na que participantes e público en xeral poderán desfrutar de ‘stands’ de produtos de merchandising e informativos da AECC, así como de música e animación.

Tino Fernández agradeceu “o enorme esforzo desenvolvido nesta cidade pola AECC tanto en materia de prevención como de axuda” e manifestou “a absoluta disposición do Concello a respaldar e colaborar con este tipo de iniciativas”. “É unha carreira que ademais pon en valor tanto os nosos espazos históricos como os naturais -engadiu o edil do PSOE-, ao discurrir en parte pola zona monumental e as marismas de Alba, e polo tanto envía unha importante mensaxe do que é e do que quere seguir sendo Pontevedra”.

Tal e como sinalou Eva Barrio, “búscase que todo o mundo, incluídas as persoas con mobilidade reducida e os máis pequenos, poidan participar” na marcha, promovendo a actividade física saludable no municipio e facendo visible o labor de prevención do cancro e de axuda ás persoas que padecen a enfermidade e aos seus familiares “a través de programas gratuítos”. Segundo explicou, toda a recadación desta iniciativa “será destinada a proxectos de investigación oncolóxica, xa que a Asociación considera que son o motor clave para conseguir que o cancro sexa unha enfermidade prevenible, curable, cronificable e á que, nalgún momento lle imos gañar a batalla”.