A concelleira Gloria Blanco aposta por “sacar á hostelería á rúa” cun grande evento gastronómico

64
  • A edil de Promoción Económica quere vencellar a iniciativa ao inminente Ano Xacobeo 2021 e levalo a diversas prazas da cidade, “non só no centro, senón tamén nos barrios e as parroquias”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Gloria Blanco, transmitiulles aos voceiros da Asociación de Hosteleiros e Empresarios de Pontevedra (Hoempo) a súa intención de “sacar á hostelería á rúa” mediante a organización dun grande evento gastronómico “durante unha semana ou unha fin de semana”. A socialista, que mantivo un encontro no seu despacho da Casa da Luz cun grupo de representantes do colectivo que preside Víctor Pampín, quere vencellar a iniciativa á celebración do inminente Ano Xacobeo 2021, “de xeito que se leve non só á Praza de España, senón tamén á Praza da Peregrina, como punto neurálxico de paso do Camiño por Pontevedra, e a outros puntos do concello emprazados fóra do centro, nos barrios e parroquias”.

A proposta de Blanco foi recibida como unha idea moi atractiva por parte da Asociación de Hosteleiros, que aproveitaron esta primeira reunión para poñer sobre a mesa as súas preocupacións e demandas prioritarias e para solicitar a cooperación do Concello en diversas actividades. Neste sentido, a concelleira aseguroulles que o departamento que dirixe vaise volcar para dar resposta ás necesidades da hostelería e o comercio locais e propúxolles a colaboración municipal “para darlle máis visibilidade e presenza ao propio colectivo, por exemplo mediante a instalación de ‘stands’ en feiras como Etiqueta Negra”.