O enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira, volve achegar Marte a Pontevedra

Impartirá unha ponencia sobre as misións que dirixiu a Marte o xoves, 8 de agosto, ás 20h no Teatro Principal

30

“Encántame ter a oportunidade de dar este tipo de ponencias para poder achegar un pouco o fascinante mundo da exploración espacial, e sobre todo axudar á xente moza a entender que con determinación, con paixón e con ilusión non hai meta que non sexa posible acadar”, así comezaba a súa intervención enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira, na presentación da ponencia que ofrecerá a vindeira semana no Teatro Principal (prevista para o xoves día 8 de agosto ás 20h, con entrada de balde). Fernando Abilleira é actualmente o director de Deseño de Misión e Navegación do proxecto Mars 2020, a misión que NASA ten previsto enviar ao planeta vermello o próximo ano, e esta xa é a segunda ponencia que ofrece no Teatro Principal. A primeira tivera lugar en 2014 e versara sobre o éxito da misión do Curiosity, e nesta ocasión falará do éxito da misión do InSight, en 2018, e avanzará as novidades da misión Mars 2020.

Fernando Abilleira foi recibido esta mañá no Concello polo alcalde e pola concelleira de Cultura e estivo acompañado polo enxeñeiro de telecomunicacións e profesor da Universidade de Vigo, Fernando Aguado. Miguel Anxo Fernández Lores indicou que a presenza por segunda vez do enxeñeiro da NASA en Pontevedra “non é casualidade” e explicou que grazas a que Fernando Aguado vive en Pontevedra e á interrelación do Concello coa Universidade de Vigo, foi posible chegar á figura de Fernando Abilleira, quen ademais conta con ascendencia pontevedresa por parte de pai (natural de Xeve) e pasa tempadas estivais en Sanxenxo. Fernández Lores asegurou que esta ponencia chega porque “a nós gústanos interesarnos por todo o que está pasando no mundo, estar atentos ao que se move e estar na vangarda”. Neste sentido, citou o programa escolar ‘Ponte en ciencia’ e  afirmou que este tipo de actividade de divulgación científica “ten moita relación coa vida cotiá e co noso día a día”. Unha cuestión na que o propio Fernando Abilleira afondará na súa ponencia.

Pola súa banda, Fernando Aguado lembrou que desde Galiza, e concretamente desde Pontevedra e desde a Universidade de Vigo “temos actividade a nivel internacional e a nivel mundial en proxectos espaciais tremendamente interesantes”. Aproveitou tamén para lanzar unha mensaxe ás persoas mozas, afirmando que “desde aquí se poden realizar labores tremendamente importantes e interesantes e que o esforzo e o estudo merecen a pena”. Tamén asegurou que a Universidade de Vigo está en disposición de acoller a todas e todos os estudantes que estean motivados “para educalos o mellor posible para que estean preparados para os retos tecnolóxicos a nivel mundial”.

Por que enviar misións a Marte

A cuestión de por que se envían misións ao espazo, máis especificamente a Marte, e como iso ten repercusión directa no día a día das persoas e como beneficia a toda a humanidade será o leitmotiv que guíe a ponencia do vindeiro xoves. Fernando Abilleira, que profundizará máis polo miúdo neste tipo de cuestións, xa avanzou que tecnoloxía habitual como a dos aparatos das resonancias dos hospitais ou as cámaras dos teléfonos móbiles foron tecnoloxías desenvolvidas no seu día por NASA que posteriormente puxo a disposición da industria privada.

Fernando Abilleira tamén avanzou que o proxecto Mars 2020, en cuxa dirección participa actulamente, está destinado a buscar e recoller evidencias de vida microscópica pasada en Marte, para o cal enviarán un robot que aterrará nun cráter que os científicos especulan que era a desembocadura dun río. Afirmou que se trata “dunha misión moi complexa porque temos que aterrar con éxito, recoller as mostras e deixalas na superficie, para que noutra misión posterior sexan lanzadas de volta á Terra”. A grandes rasgos, o enxeñeiro explicou que  primeiro “o vehículo o que vai facer é recoller as mostras máis relevantes, vainas almacenar, vainas deixar na superficie” para despois pasar a unha serie de misións enlazadas e interrelacionadas que resumiu en: “unha misión, en colaboración coa Axencia Espacial Europea, vai comezar a orbitar Marte e vai estar á espera de que outra misión secundaria chegue á superficie, recolla as mostras, as coloque nun pequeno cohete, que o cohete entre en órbita e o orbitador recolla as mostras e as traia de volta”. 

Entre as novidades do proxecto no que está inmerso habitualmente tamén avanzou que “ten un enfoque de preparación para enviar a primeira misión tripulada a marte, e como curiosidade tamén podo dicir que levaremos por primeira vez un helicóptero e voaremos por primeira vez pola atmósfera doutro planeta”. “Trátase de responder, en certa maneira, á pregunta de se existe vida máis aló da Terra” asegurou Fernando Abilleira.

A nivel científico indicou que tras atopar indicios de auga en Marte, agora os esforzos se centrarán na busca de evidencias de vida microscópica pasada, coa idea de indagar por que ese planeta perdeu a atmósfera e o campo magnético, para que ese coñecemento axude a evitar que ocorra o mesmo na Terra.