O Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez bate a marca histórica das 200 persoas inscritas

33

O VII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez conta desde o pasado mércores xa con 200 persoas inscritas, o que significa que batirá a marca histórica de participación a nivel galego por primeira vez. Así o puxeron de manifesto está mañá desde a Escola de Xadrez de Pontevedra na presentación do Torneo, que estivo encabezada pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. 

A concelleira puxo o foco en que este gran evento deportivo “favorece que a cidade estea no taboleiro internacional, nunca mellor dito, e que sexa referencia no ámbito do xadrez”. Tamén salientou a importancia de que sexa retransmitido en liña, o que permitirá que estea presente nas plataformas especializadas de todo o mundo. 

Desde a Escola de Xadrez e como director do evento, Pablo García, ademais de facer fincapé no éxito de participación, salientou as liñas complementarias do torneo, como son a social e a formativa. Así, desde o pasado mércores e ata o 15 de agosto estase desenvolvendo o Campus Internacional Ramón Escudeiro con 55 alumnos e alumnas procedentes de todo o Estado, de Portugal e de Inglaterra. Tamén mencionou o curso maxistral para adultos, que responde a unha demanda de anos anteriores, e que se celebrará por primeira vez nesta edición, concretamente o sábado 3 na praza Curros Enríquez. Tamén animou a todas as persoas aficionadas a asistir ás simultáneas de Santa María, o 15 de agosto a partires das 11h, posto que se permitirá a participación do público. Por último desde a Escola, Pablo García tamén fixo fincapé na presenza do gran mestre ruso Evgeny Solozhenkin e na da mestra internacional Elizaveta Solozhenkina, esta última, número 6 do mundo Sub16, con cuxa participación se pretende reforzar e incentivar a participación feminina neste deporte.

Sobre a participación do ruso Evgeny Solozhenkina falou o gran mestre Manuel Pérez Candelario, titular do equipo olímpico español. Explicou que o ruso tivo un gran éxito entre a década de 1990 e 2000 , estando entre os cinco mellores do mundo. “É un gran referente para a afición polo seu xogo apaixonado, directo e de ataque, e é moi importante que os rapaces poidan contar con el” asegurou Manuel Pérez.

Na presentación tamén participou a secretaria do colexio Los Sauces, María Teresa Vázquez, onde se celebra o torneo. María Teresa Váquez animou a todo o mundo a asistir á sesións asegurando que, ademais do propio torneo, tamén merece a pena “ver como ese pabillón habitualmente ruidoso e cheo de adrenalina, se converte nun lugar silencioso e de reflexión”. Tamén o vicerreitor do Campus de Pontevedra salientou o traballo que se realiza desde a Escola de Xadrez e anunciou que desde a Universidade de Vigo se lle vai dar un xiro á colaboración entre ambas entidades para reforzala.

O Torneo ademais das 200 persoas inscritas (o prazo de inscrición segue aberto) procedentes de 14 nacionalidades, tamén contará con 30 mestres titulados internacionais. Terá lugar do 8 ao 14 de agosto no Colexio Los Sauces.