O Concello quere normalizar o uso da lingua de signos nas visitas turísticas guiadas e nos servizos municipais

105
  • As socialistas Yoya Blanco e Paloma Castro acordan con Xoga a instalación de códigos QR en monumentos e enclaves históricos e de bucles para eliminar interferencias sonoras en edificios públicos

Fomentar de xeito activo a inclusión das persoas con discapacidade sensorial e extendela a tódolos ámbitos nos que a Administración local estea implicada é o compromiso que as concelleiras de Promoción Económica e de Benestar Social, as socialistas Yoya Blanco e Paloma Castro, lle transmitiron á presidenta da asociación Xoga, María Jesús Monterde. Entre outras medidas concretas, Blanco pretende que algunhas das visitas turísticas guiadas pola cidade conten con profesionais especializados en lingua de signos, mentres que Castro quere formar a funcionarios do Concello de Pontevedra neste eido e acadar unha maior sensibilización na súa atención.

Estas propostas foron plantexadas en dúas reunións que as ediles do PSOE mantiveron recentemente coa presidenta de Xoga no edificio de Michelena e na Casa da Luz. Os encontros serviron para que María Jesús Monterde lle expusese as actividades desenvolvidas pola asociación, así como as carencias e dificultades que nestes intres se atopan as persoas con discapacidade sensorial en Pontevedra, sobre todo, tal e como apuntou, “as relativas ás barreiras de comunicación para facer xestións no Concello ou a eivas como a inexistencia dunha web inclusiva”.

Ademais da idea de desenvolver actividades para sensibilizar e formar a funcionarios en lingua de signos, Paloma Castro ten a intención de adquirir bucles magnéticos de eliminación de interferencias sonoras para instalalos “no Teatro Principal e noutros edificios públicos municipais”. Tal e como explica a concelleira de Benestar Social, trátase de aparellos de grande axuda “para que as persoas que teñen audífonos ou imprantes cocleares poidan escoitar con maior nitidez en ambientes que poidan estar algo cargados de ruídos”.

Reunión mantida polas concelleiras socialistas coa presidenta de Xoga na Casa da Luz.

No que atinxe ao departamento de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco contempla a organización de visitas turísticas guiadas inclusivas (coa oferta de intérpretes de lingua de signos) e a instalación de sinais con códigos QR “en monumentos e enclaves históricos e senlleiros da cidade”. “A idea é que, ao ler eses códigos co seu teléfono, poida saltar un vídeo cunha explicación en lingua de signos”, subliña.

Convenio de colaboración

A edil de Benestar Social anunciou a súa intención de asinar un convenio de colaboración con Xoga “para o ano que vén”, de xeito que se poida incrementar “de xeito considerable” a actual achega anual de 3.900 euros que o Concello lle abona á asociación de persoas con discapacidade sensorial. En todo caso, Paloma Castro ratificoulle a María Jesús Monterde a absoluta disposición do Concello a colaborar en proxectos e actividades futuras que organice o colectivo, como a celebración das xornadas Xuntos Avanzamos ou a creación dunha páxina web inclusiva para persoas con discapacidade sensorial.

Pola súa banda, Yoya Blanco pretende que a inclusión das persoas con discapacidade sensorial “sexa tida en conta en tódolos eventos” que se deseñen dende a área de Promoción Económica, “dende os xogos das carpas de Nadal ata as presentacións ou actos inaugurais”.