O socialista Tino Fernández abre as portas do novo campo de fútbol de Xeve para que os clubes comecen a utilizalo

18
  • Veciños de Verducido, Santa María e Santo André acompañaron ao concelleiro de Deportes durante a recepción das chaves e a visita ás instalacións deportivas, nas que se investiron un millón de euros

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, desprazouse onte ata o novo campo de fútbol de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve, para supervisar de primeira man o estado das instalacións recentemente rematadas e recibir as chaves do terreo de xogo por parte da empresa adxudicataria Covsa. Deste xeito, tal e como sinalou o edil do PSOE, “o campo queda oficialmente aberto para dar servizo aos clubes deportivos dos tres xeves (Santa María, Santo André e Verducido)”.

O departamento que dirixe Tino Fernández investiu un total dun millón de euros no novo campo de herba sintética de Xeve: 859.953,23 euros destináronse á execución das obras e outros 110.000 a diversa equipación deportiva (marcador e porterías), o peche perimetral do terreo e o acordo de mantemento do céspede por un período de cinco anos (unha mellora ofertada pola firma Covsa). O terreo de xogo ten unhas dimensións de 105 metros cadrados, permitindo albergar un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7, e cumprindo con tódolos requisitos técnicos esixidos pola FIFA para te-la categoría de instalación para competicións oficiais.

Conta con catro vestiarios para xogadores e dous para árbitros, entradas separadas ao campo para espectadores e xogadores, área de enfermería e botiquín e un almacén. A actuación, que aproveitou o desmonte natural xa existente na parcela do campo de fútbol e mantivo a estrutura dos anteriores vestiarios de pedra, completouse coa dotación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación, así como de catro cámaras de seguridade para a súa vixiancia.

Os operarios de Covsa explicaron o funcionamento das instalacións aos veciños.

Aínda que o Concello de Pontevedra ten previsto organizar un acto de inauguración nas vindeiras semanas, Tino Fernández subliñou que a apertura do campo era “fundamental para que os clubes puidesen comezar a empregalo”. Segundo explicou, a Concellería de Deportes “xa rematou tamén as obras do terreo de herba sintética de Cerponzóns (que está en uso)” e ten “practicamente finiquitado o de Campaño, coa idea de que estea listo neste mesmo mes”. “Os equipos precisan saber os horarios de uso para pasarllos á Federación”, apuntou.

Asemade, o edil socialista avanzou a súa intención de axilizar ao máximo a contratación do proxecto para dotar dun novo campo de fútbol á parroquia de Salcedo.

COMPARTIR