Festas Peregrina 2019

135

O pregón do xornalista e escritor, Manuel Jabois, marcado pola nostalxia e polo humor tal e como prometera, seguido da tirada do foguete por parte alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deron o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina 2019. Cun “Emocionado e feliz, miña Pontevedra. Sempre namorado de ti” remataba Manuel Jabois a súa intervención desde o balcón do Pazo de Mugartegui, tras facer un repaso pola súa chegada á cidade con cinco anos e ás súas vivencias persoais desde o colexio de Campolongo ata a súa traxectoria como xornalista no Diario de Pontevedra.

O pregoeiro menciou a compañeiras de profesión como Belén López, “pensei que xente así xa se extinguira” afirmou, ou persoeiros como Sabino Torres, María Victoria Moreno,  Rafa Ceresuela ou Manuel Moldes. “Esa cidade que eu imaxinara fíxose realidade … ese era o soño pontevedrés, que cada un inventase o seu futuro e que a cidade conspirase ás súas costas para facelo realidade” asegurou Manuel Jabois desde o balcón, nun canto a Pontevedra no que tamén incluíu que “e ese mundo levantouse ao mesmo tempo que nos levantamos nós, pontevedreses a tempo completo e non pontevedreses novos ou pontevedreses de adopción porque esa categoría aquí non existe: dáse de beber a quen pasa sen preguntar, e se pregunta, dáselle a nacionalidade”.

Manuel Jabois que volveu lembrar que el fixo de “Pontevedra a medida de todas as cousas, que é o mesmo que facelo da miña vida” amosou publicamente o orgullo e a honra que lle supuxo o seu papel de pregoeiro das Festas da Peregrina deste ano. Lembrou que tras entrevistar, na súa faceta de xornalista, ao pregoeiro das Festas no 2001 (Víctor Freixanes), “eu, que tiña 23 anos e soñaba con moitas glorias, non podía nin soñar coa máis grande de todas: que te queiran na casa, que te queiran os teus”.

Os pasarrúas, a batalla de flores, procesións, concertos, espectáculos pirotécnicos, actividades infantís, atraccións de feira, barracas, e as verbenas formarán parte das festas da Peregrina desde hoxe ata o 19 de agosto.

Programa completo en www.pontevedra.gal