O Concello valora positivamente a licitación da agardada conexión peonil entre Pontevedra e Praceres

85
  • O anuncio de licitación sae hoxe publicado no BOE por un importe estimado de 2 millóns de euros
  • O prazo de presentación de ofertas rematará o 10 de setembro e prazo de execución da obra será de 9 meses

A concelleira Carme da Silva asegurou esta mañá que desde o grupo de goberno “queremos congratularnos de que hoxe saia publicado no BOE a licitación da conexión peonil a Praceres”. Trátase do anuncio oficial do Ministerio para la Transición Ecológica que sae hoxe publicado e que establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 10 de setembro, un prazo de execución da obra de 9 meses, e un importe estimado de 2.093.358,54 euros (importe sen impostos).

“O bo é que despois de moitísimo traballo, despois de moitísimo seguimento deste proxecto, por fin vexa a luz a execución da obra co procedemento de licitación que abre o Ministerio” asegurou Da Silva, quen lembrou que este proxecto implicou “moitísimo traballo por parte do Concello”. Neste sentido lembrou que a Administración local tivo que asumir a titularidade da PO-12 para que a obra puidese saír a diante e que, na actualidade, os técnicos municipais están estudando o tramo final en colaboración co Ministerio de Fomento.

Segundo o anuncio publicado no BOE as obras consisten na execución dun itinerario peonil que conecte Pontevedra e Marín pola liña da ribeira do mar, dando continuidade á senda existente: a pasarela peonil que parte de Praceres e o paseo ciclo-peonil que parte de Pontevedra. Ademais diferencia dous tramos. Un de algo menos de 800 metros de lonxitude, no que se executará unha pasarela peonil de 2,5 metros de anchura, que dará continuidade á existente que discorre paralela á PO-11 na zona de Praceres. Esta pasarela será metálica e apoiarase sobre pilotes no teito mariño. O segundo tramo terá algo menos de 1.250 metros e dará continuidade ao paseo que actualmente sae de Pontevedra en dirección Marín pola PO-12. Neste tramo suprimirase o carril dereito da calzada en sentido Marín ata o ramal de enlace coa PO-11, a partires da que se continuará polos terreos anexos o mar da antiga carretera. O paseo terá unha anchura de 4,5 metros dispoñendo dunha senda peonil e un carril bici.

Carme da Silva asegurou que con este anuncio oficial “xa ve a luz este proxecto e a execución desta obra” e indicou que, de cumprirse os prazos, “agardemos que o vindeiro ano xa poidamos disfrutar desta senda”.