Pontevedra somérxese na riqueza da súa vida mariña coas II Xornadas de Actividades Subacuáticas

51
  • O programa deseñado polo Club Sotavento inclúe a celebración do XXI Campionato de Pesca Submarina e do I Campionato Infantil de Cazafotosub, así como exposicións de vídeo e foto na Casa da Luz

Co obxectivo esencial de plasmar e amosar a riqueza do mundo submarino que nos rodea, o Club Subacuático Sotavento celebrará por segundo ano consecutivo, coincidindo coas Festas da Peregrina e grazas á colaboración do Concello, as Xornadas de Actividades Subacuáticas. O programa deseñado para esta II edición, que foi presentado hoxe na Casa da Luz polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, acompañado polo presidente do Club, José Area, e mailo seu secretario, Héctor Costa, contempla eventos de carácter deportivo, divulgativo e formativo, entre os que se inclúen o XXI Campionato de Pesca Submarina Virxe Peregrina e o I Campionato Infantil-Familiar de Cazafotosub en apnea.

Tal e como explicou o edil de Deportes, a sede turística da Praza da Verdura acollerá entre os días 16 e 31 de agosto “unha exposición permanente con imaxes representativas das distintas disciplinas nas que o Club Sotavento está inmerso”. Asemade, o mércores 4 de setembro proxectarase no Teatro Principal, a partires das 20.00 horas, o último vídeo gravado nas Rías Baixas polo galardoado videógrafo submarino Jorge Candán. “A exposición fotográfica fará un percorrido polos grandes logros deportivos conqueridos polos compoñentes do Club durante a pasada tempada, así como unha mostra das especies mariñas que se poden atopar nas charcas intermareais das nosas praias”, apuntou Tino Fernández.

Segundo salientou José Area, coa celebración do I Campionato Infantil- Familiar de Cazafotosub, que terá lugar o 25 de agosto na praia da Barrosa (en San Vicente do Mar) entre as 10.00 e as 13.00 horas, “preténdese que os máis pequenos se somerxan, sempre acompañados por un adulto, para capturar coas súas cámaras o maior número de especies de peixes”.

A valoración das imaxes recollidas polos nenos realizarase esa mesma xornada, dende as 17.00 horas, na Praza da Verdura. A finalidade desta actividade é non só introducir aos rapaces neste misterioso mundo mariño, senón tamén fomentar, a través do coñecemento do medio, unha conciencia sobre a necesidade de coidalo e respectalo.

Colaboración coa oenegué Amigos de Galicia

O día 25 de agosto desenvolverase na zona de pesca da praia da Barrosa, entre as 9.00 e as 13.00 horas, o XXI Campionato de Pesca Submarina Virxe Peregrina, no que o Concello de Pontevedra colabora dende hai 20 anos e que é un referente neste tipo de probas a nivel autonómico. Como colofón deste completo programa de actividades, o último domingo de mes levarase a cabo na Praza da Verdura, a partires das 16.30 horas, a pesaxe das capturas realizadas. “Tódalas pezas capturadas polos participantes no campionato de pesca -avanzou o presidente de Sotavento- serán doadas á ONG Amigos de Galicia”.

Nesa mesma xornada farase ademais entrega dos trofeos tanto da proba de Pesca Submarina como do campionato infantil. Sotavento ten previsto incrementar o número de participantes en relación a anos anteriores e, sobre todo, mellorar os premios e regalos que, como de costume, sortearanse ao remata-la entrega de trofeos.

COMPARTIR