O ritmo das obras do Centro Deportivo de Campolongo permitirá a súa apertura ao público no mes de outubro

271
  • Os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes supervisaron os traballos, que xa permiten aprezar a futura estrutura dos diferentes espazos, acompañados polo director do novo complexo deportivo

Os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes achegáronse esta mañá ata Campolongo para supervisar a marcha dos traballos de construción do futuro Centro Deportivo Municipal acompañados polo seu director, José Bamio. Segundo puido comprobar Fernández, edil responsable da área de Deportes, “as obras continúan a bó ritmo, de xeito que se mantén a data do 1 de outubro para apertura do novo complexo ao público.

Bamio conduciu aos socialistas polos tres andares cos que conta a infraestrutura. A planta baixa orientarase ás familias, que estará dotada de ludoteca, aula infantil, vestiarios con acceso ás piscinas e unha gran sala de fitness. O soto adicarase á área de saúde, onde estarán as dúas cabinas dos fisioterapeutas, as salas para o dietista e os asesores deportivos, un espazo para adestramento individualizado, unha sala de 50 metros cadrados para grupos terapéuticos e tres salas de 100 metros cadrados, unha delas polivalente para formación e as outras orientadas ao pilates e o ioga, respectivamente. A primeira planta acollerá contará con dúas grandes salas: unha de spinning de 115 metros cadrados (dobrarase o número de bicis de 20 a 40) e outra para actividades coreográficas (zumba, danza, aeróbic…) de 310 metros cadrados con capacidade para unhas 40 ou 50 persoas.

O novo complexo conta con tres andares e uns 5.200 metros cadrados de superficie.

Segundo apreciou o concelleiro de Deportes, “esta distribución permitirá arranxar un dos grandes problemas que tiña o antigo ximnasio de Campolongo, que era o ruído, que quedará acotado ao andar máis elevado, será moito menor no baixo e inexistente no soto”. “Cada unha das aulas disporá da súa propia climatización, o que soluciona outro dos problemas que había, xa que no anterior edificio todo estaba conectado xunto”, subliñou Tino Fernández.

O director do novo Centro Deportivo Municipal avanzou que os clientes poderán reservar praza para participar nas diferentes actividades a través dunha aplicación dotada dun módulo de reservas: “O usuario chegará cunha pulseriña e poderá activar esa praza que reservou á entrada da respectiva sala”. 

De 3.750 a uns 5.200 metros cadrados

A actuación, que está a executar a empresa Desarrolla, suporá un enorme incremento de espazo, dos 3.750 metros cadrados de superficie que ocupaba o anterior complexo deportivo aos 5.200 do novo. O custe do proxecto ascende a unha contía global de 5,5 millóns de euros, dos que 4,5 van destinados á obra en si e un millón á adquisición de equipamentos deportivos.

Tal e como puideron constatar Tino Fernández e Iván Puentes, a pesar de que a choiva das pasadas xornadas afectou un pouco á marcha dos traballos, xa se poden aprezar á perfección algunhas das estruturas, esencialmente do soto, como as piscinas, os jacuzzis, os vestiarios (nos que haberá zonas separadas para adultos e nenos) ou as salas de fitness, ioga e pilates.

O soto acollerá a área de saúde.
COMPARTIR