O Concello valora moi positivamente a extraordinaria afluencia de público nas Festas da Peregrina

40
  • A concelleira de Festas, Carme da Silva, destaca o éxito da programación e a ausencia de incidentes

“A verdade é que para o Servizo de Festas e para min como responsable desta concellaría é unha satisfacción poder facer un balance tan positivo da afluencia de xente que desbordou absolutamente todas as previsións” asegurou esta mañá Carme da Silva no balance sobre as Festas da Pregrina. A concelleira afirmou que durante estes dez días “había moita máis xente da poboación que ten Pontevedra”, unha afluencia de público que unida “ao interese que xerou toda a programación converteron Pontevedra en trending topic”.

A concelleira de Festas tamén aproveitou para poñer en valor que esta importante afluencia de persoas estivo acompañada da falta de problemas e incidentes. Como exemplo mencionou que das 1.300 probas e controis de alcoholemia e drogas, tan só se contabilizaron 13 positivos: 8 en alcohol e 5 en drogas. “Son uns resultados que como sociedade nos deben facer sentir orgullosos” afirmou Da Silva, quen engadiu que “obviamente o obxectivo é chegar a cero positivos” pero que en xeral “a xente dedicouse a disfrutar das festas” de xeito responsable. 

Carme da Silva anunciou que se está a realizar unha compilación de datos “para facer unha estimación dos retornos económicos que ten toda a programación de verán ata a Feria Franca”, de cara a obxectivar o impacto da mencionada programación na actividade económica da cidade. Tamén asegurou que, ante a demanda de instalar pantallas para os concertos que se preven máis multitudinarios, “están os técnicos estudando a viabilidade, e vendo onde se instalan e como facelo”.

Co inicio da desmontaxe tanto dos equipamentos de luz como do son da praza do Concello, á que lle seguirá a desmontaxe do escenario, e nesta madrugada a das atraccións, Carme da Silva espera “ter todo desmontado, como moi tarde este xoves, para que na Alameda e Raíña Vitoria se normalice o funcionamento da cidade nesa zona e comezar xa coa montaxe da Feira Franca”. 

COMPARTIR