O Concello acomete a limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade

4

No día de hoxe están dando comezo os traballos de limpeza dos dous espazos arqueolóxicos da cidade, os conxuntos da praza de Valentín García Escudero e do Campiño de Santa María. Os traballos afectan tan só ás propias estrutruas arqueolóxicas e á contorna máis inmediata, e consiste na retirada de vexetación e na limpeza manual.

No caso da praza de Valentín García Escudero estase procedendo á limpeza do xacemento que inclúe os vestixios da Ponte do Burgo mediaval,  un tramo de muralla do século XVI e o malecón portuario do XV, así como á retirada de lixo acumulada neste espazo. No caso do Campiño de Santa María, os labores de limpeza atinxen aos restos medievais do paño da muralla e da casa torre dos Montenegro.

Estes traballos estanse realizando, na súa maior parte, exclusivamente de xeito manual e baixo a supervisión e indicacións do técnico municipal de patrimonio cultural, co obxectivo de non provocar ningún tipo de alteración nos distintos muros de ambos conxuntos.

Os labores comezaron esta mañá na praza de Valentín García Escudero e unha vez rematen neste emprazamento, darán comezo no Campiño de Santa María. A previsión da duración desta actuación é de semana e media, polo que estará rematada antes de final de mes. Estes traballos de mantemento periódico están enfocados a manter ambos espazos en boas condicións tanto de conservación como de visibilidade.