Os Vermús pola Diversidade volven a rúa o sábado cunha ‘Performance drag’ a cargo de Marikas x la Fiesta

64
  • A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, anima a todas e tódolos pontevedreses a achegarse ata a Praza da Verdura para desfrutar dun espectáculo “reivindicativo, desenfadado e participativo”

Os Vermús pola Diversidade, organizados no marco do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota, volverán ás rúas de Pontevedra o vindeiro sábado, 24 de agosto, cunha ‘Performance drag’ a cargo do colectivo pontevedrés Marikas x la fiesta. A concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, anima a todas e tódolos pontevedreses a achegarse á Praza da Verdura a partires das 12.30 horas para desfrutar dun espectáculo “reivindicativo da cultura drag, desenfadado e participativo”.

Segundo avanza a edil do PSOE, a performance contará coa música de DJ Nano e as actuacións dos drag queens Punto G e Nosolojavi e o drag king Niko Elsker, nunha mixtura perfecta de “humor e reivindicación para un vermú do máis diverso”. Os bares da propia Praza da Verdura ofrecerán descontos especiais nos vermús aos clientes que se acheguen para ver o espectáculo.

Tal e como explica Paloma Castro, Marikas x la fiesta é un colectivo que naceu en Pontevedra a principios deste ano “coa finalidade de reivindicar a cultura queer” e que xa organizou diversas festas e actuacións na nosa cidade, como a Queeresma, o Queernaval ou Pontequeer. “Trátase dun grupo de acción de mozas e mozos que realizan festas e actuacións de rúa con perspectiva queer -precisa a socialista-, para crear espazos seguros e libres para o colectivo LGTBI, fomentando ao mesmo tempo a liberdade creativa e persoal”.

Os Vermús pola Diversidade de Pinto e Maragota iniciáronse o pasado mes de xullo como unha proposta cultural de lecer nos espazos públicos da cidade, principalmente ao ar libre, e que combina música, danza, performance, poesía e debates para visibilizar e dignificar a diversidade sexual e usar o lecer para concienciar e sensibilizar á cidadanía en torno á realidade LGTBI. 

O programa de actividades desenvólvese os penúltimos sábados de cada mes, estando prevista para o 21 de setembro unha acción de Poética Diversa a cargo do poeta e narrador Daniel Asorey e a cantante Sanny no Campiño de Santa María e un faladoiro titulado TRANSformando Pontevedra en colaboración co colectivo Avante LGTB para o 19 de outubro.