A cidade acolle o sábado o Campionato Galego de Tríatlon cuns 400 inscritos e a presenza dos deportistas pontevedreses Pablo Dapena, Saleta Castro e Aarón Ortiz

43
  • Tino Fernández salienta “o atractivo estético e a posta en valor da contorna natural do Lérez” que supón esta proba, consistente en 750 metros de natación, 20 km. de ciclismo e 5 de carreira a pé

O concello acollerá o vindeiro sábado 24 de agosto o XIX Tríatlon Cidade de Pontevedra, no que hai inscritas unhas 400 persoas (160 delas deportistas profesionais) e que contará coa presenza dos atletas pontevedreses Saleta Castro, Aarón Ortiz e Pablo Dapena. O evento, que foi presentado hoxe en rolda de prensa polo concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (Fegatri), Gonzalo Triunfo, enmárcase dentro das probas pertencentes ao Campionato Galego de Tríatlon de Estrada na categoría de Sprint e consistirá en 750 metros de natación, 20 kilómetros de ciclismo e 5 kilómetros de carreira a pé.

A actividade deportiva dará o pistoletazo de saída ás 14.50 horas coa proba non competitiva ‘Nada e corre’, para nenos de categoría benxamín e alevín. Ás 15.00 horas porase en marcha a proba popular de minisprint, cun percorrido de 300 metros de natación, 10 kilómetros de ciclismo e 2,5 kilómetros de carreira a pé. O primeiro tríatlon de distancia Sprint, de carácter popular, iniciarase ás 15.45 horas.

As competicións profesionais darán comezo ás 16.45 horas coa saída do Campionato Galego de Paratríatlon, no que cabe destacar a participación de Aarón Ortiz. Ás 18.15 horas iniciarase a proba feminina, na que, ademais de Saleta Castro, tomarán parte a arxentina afincada en Galicia Camila Alonso e a neozelandesa Anneke Jenkins.

Cartel do evento deportivo.

Os participantes na categoría masculina do Campionato Galego Tríatlon, entre os que se atopan o propio Dapena, os tamén galegos Antón Ruanova e Andrés Cendán e o natural de Tomelloso Antonio Benito, sairán ás 19.15 horas.

Segundo explicou o presidente da Fegatri, a disciplina de natación desenvolverase “na contorna do embarcadoiro do Centro de Tecnificación Deportiva”, a de ciclismo discorrerá polas rúas Alexandre Bóveda e Médico Ballina (ata a glorieta de Compostela) e de carreira a pé polo paseo peonil da avenida de Bos Aires e a Illa das Esculturas.

Tino Fernández salientou tanto “o atractivo estético e espectacularidade” como “a posta en valor das contornas do río Lérez e A Xunqueira de Alba” que supón esta proba, que terá como punto de transición e centro neurálxico as inmediacións da Ponte dos Tirantes (na avenida de Bos Aires). Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte amosou a súa ledicia de que a cidade “non descanse” grazas aos eventos deportivos e lembrou que “falar de tríatlon no mundo é falar de Galicia e de Pontevedra”. “O día 24 -vaticinou- será unha xornada de éxito para o deporte galego e pontevedrés”.

Acto de presentación con Tino Fernández, José Ramón Lete e Gonzalo Triunfo.