Volve a Festa do Demo ás rúas de Pontevedra

41

Este venres, 23 de agosto, “vai andar o Demo ceibo por Pontevedra”, tal e como dixo a concelleira de Festas, Carme da Silva. A comitiva “infernal” sairá, como é habitual, desde os Arcos de San Bartolomeu e percorrerá as prazas e rúas do centro histórico. As saídas están programadas para ás 12:30h e ás 20h.

A Festa do Demo, que se recuperou fai 20 anos, tivo neste período algúns avances, segundo explicou Carme da Silva. “O Demo que nos mandan nos últimos anos ten moi perfeccionado o traxe e xa os nenos non son capaces de facerse co seu rabo” asegurou, lembrando que “era un clásico que non lle chegara á Verdura, pero agora hai Demos de moitas tipoloxías, e o que nos mandan agora tamén é máis áxil e anda máis rápido”. Tamén fixo brincadeira coa identidade do Demo explicando que non a podía desvelar porque “o servizo de protocolo do Inferno non nola comunicou”. Aproveitou, ademais, para convidar a todo o mundo a participar nesta cita ataviado con roupas e complementos “infernais”.

 A cita terá ademais outros ingredientes tradicionais como son, en palabras da concelleira “música, festa e rosquillas”. Así, ás 21.00 horas, a Banda de Música de Salcedo ofrecerá un concerto na praza de José Martí, e ás 21.30 horas terá lugar a Foliada do Demo na praza de Curros Enríquez. Nesta foliada actuarán Os Sentenarios e Os Chichisos, que tamén estiveron representados esta mañá na presentación da festa, e que adiantaron que ofrecerán una “verbena cero watios”, en referencia que serán actuacións sen megafonía nin luces. O representante dos Chichisos, Xosé Feijoo, tamén salientou que un dos obxectivos desta foliada “é que a xeite baile, e sobre todo que baile o agarrado”.