Carme da Silva acusa ao PP de querer levar a Pontevedra “de volta ao nacionalcatolicismo”

19

A concelleira de Festas e portavoz do grupo municipal de Pontevedra, Carme da Silva, saíu hoxe ao paso das declaracións da concelleira do PP, Pepa Pardo, nas que reclamaba que se manteña a ofrenda institucional que a presidencia da Deputación realiza tradicionalmente á Virxe Peregrina. “O Partido Popular de Pontevedra estase caracterizando con máis intensidade ultimamente en querer dar moitos pasos atrás e retroceder moitos anos en Pontevedra” asegurou Carme da Silva, quen continou cun “e a onde nos quere levar o PP? pois de volta ao nacionalcatolicismo”.

Da Silva afirmou que “se as propostas son do calibre de que os cargos institucionais teñen que asistir a actos relixiosos, iso é preconstitucional”, para engadir que “parece mentira que unha forza política, que di que venera a Constitución, nos faga propostas que son previas á Constitución”. Neste sentido lembroulle ao PP que “a Constitución di que ten que haber separación entre o Estado e a Igrexa, e que o Estado español é un Estado aconfesional, polo tanto os cargos públicos, os representantes do Goberno, os cargos institucionais no Estado español, non deben asistir en calidade de tales a actos relixiosos, porque inclumple claramente os obxectivos que como Estado nos temos marcado, que é separar Igrexa e Estado”.

“Podemos despois facer declaracións sobre laicismo, declaracións sobre igualdade, declaracións sobre moitas cousas pero o certo é que defender, como defendeu a representante do Partido Popular, que os cargos públicos asistan a actos relixiosos é trasladarnos novamente ao nacional catolicismo” insistiu Carme da Silva. A concelleira tamén aclarou que “a min me pode sorprender que se asista a eses actos, pero as declaracións da representante do Partido Popular non me sorprenden, porque ideoloxicamente están claramente onde está situado o Partido Popular”. 

Sociedade avanzada

Carme da Silva tamén defendeu que “afortunadamente, a sociedade de Pontevedra sabe que o futuro da cidade vai por outro lado”. A este respecto indicou que “Pontevedra está á vangarda a nivel internacional en como se están construíndo as cidades e hai moitísima xente que, neste momento en que o debate sobre as cidades está tan vivo, está mirando cara a Pontevedra porque nos adiantamos moito tempo co modelo que se está desenvolvendo” Un modelo que a concelleira baseou en “que é mérito e responsabilidade de toda a sociedade de Pontevedra, o goberno loxicamente toma decisións pero sen o respaldo, sen o apoio e sen a asunción por parte da sociedade, non sería posible desenvolvelo”. 

“Eu creo que por respecto ao conxunto da sociedade, por un profundo respecto tamén ás persoas que son crentes, os cargos institucionais nos actos relixiosos non debemos estar”, afirmou rotunda, ao tempo que aclarou que “a nivel individual se unha persoa é crente pode ir a onde queira, pero en representación dunha institución non porque é preconstitucional”. 

Engadiu ademais que “a persoa que fixo esas declaracións públicas dixo ultimamente que hai que volver poñer as barras nas peñas, que o alcalde ten que ir aos actos relixiosos, non vos sorprenda se en breve reclama que se volva a poñer a raíña das festas, porque vai na mesma liña nacionalcatolicista preconstitucional”.

Carme da Silva defendeu que desde o BNG “practicamos o laicismo, cremos profundamente que para que unha sociedade avance o laicismo é fundamental, e non se poden defender outros deberes como a ecoloxía, a igualdade, o feminismo, se non empezamos por defender que cada institución ten que facer o que lle corresponde”.