O Concello xestionará a recuperación da fisonomía orixinal do cruceiro da igrexa de Mourente

28
  • Solicitará a recuperación dos tres chanzos da base sobre os que orixinalmente se sostiña o fuste e a cruz 

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, tras unha xuntanza con veciños da parroquia de Mourente e técnicos municipais, acordou xestionar perante a dirección xeral de Patrimonio a recuperación da fisonomía orixinal do cruceiro da igrexa de Mourente. 

A petición da veciñanza, o concello proporalle ao organismo autonómico que permita recuperar a rasante orixinaria do cruceiro, isto é, os tres chanzos da base do mesmo. Na actualidade, o primeiro dos tres chanzos da base que orixinalmente sostiñan o fuste do cruceiro permanece enterrado pola capa de asfalto do adro da igrexa. 

Na mesma xuntanza, Moreda tamén acordou solicitar da dirección xeral de Patrimonio permiso para un pequeno desprazamento na ubicación do cruceiro, pero manténdoo dentro da mesma área. Este desprazamento da ubicación sería posible toda vez que se realicen as tarefas para ‘desenterrar’ os chanzos orixinais, sempre que sexa autorizado pola Xunta. 

O cruceiro do adro da igrexa de Mourente fora derribado por un vehículo accidentalmente e foi reparado con cargo á compañía aseguradora do coche que provocou o accidente. O obxectivo da xestión do Concello ante a dirección xeral de Patrimonio, é que a empresa encargada da colocación do fuste e da cruz reparados poida facelo xa sobre a base orixinal e no novo emprazamento.