O novo Espazo Gastronómico Sostible do Mercado xa desperta paixóns na súa estrea

61
  • Decenas de pontevedreses ateigaron as instalacións de “O Mercado” durante o evento inaugural que conduciu o chef Pepe Solla.
  • A obra supuxo a reforma integral da primeira planta da plaza cun orzamento superior aos 200.000 euros que estivo financiada, nun 80%, polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Pontevedra tiña moita fame dun novo espazo gastronómico como o que hoxe abriu oficialmente as súas portas no primeiro andar do Mercado municipal. Coa inauguración do gastroespazo, prevista para as 20.00 horas, deceas de persoas de tódalas idades ateigaron as remodeladas instalacións nun evento que incluíu a celebración de obradoiros infantís de Ganapán Gourmet, sesións DJ a cargo de Santi Mille, Marcos Sonseca e Arturo Delgado e un concerto musical en directo do grupo de soul Bea Mazaira & Iago Marta.

A reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos foi unha obra priorizada polo Concello de Pontevedra dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra que foi financiada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A reforma dos espazos deste primeiro andar así como a decoración, instalacións de servizos e mobiliario, foron os elementos financiados cun custe de 218.682,22 euros (nun 80% con fondos europeos e nun 20% con fondos municipais). 

A inauguración do gastroespazo, que se prolongou ata a medianoite, estivo conducido polo galardoado chef pontevedrés Pepe Solla e contou coas intervencións do alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, e da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco. O rexedor explicou a tramitación necesaria para pór en marcha esta iniciativa municipal, que comezou fai 20 anos coa rehabilitación de todo o edificio do Mercado de Abastos e a construción dun estacionamento soterrado. Nesta segunda andaina, os fondos europeos concedidos a Pontevedra en 2016 foron fundamentais para crear o gastroespazo.

Para Yoya Blanco, “a resposta da cidadanía despexou tódalas dúbidas acerca de se existe ou non demanda para esta clase de oferta en Pontevedra e, dende logo, resulta moi gratificante ver que os 12 novos postos que se abriron xa despertan paixóns dende a súa estrea”. No seu descurso, a concelleira lembrou que “a reforma do primeiro andar do Mercado foi realidade grazas a un investimento de 218.682 euros, que os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) financiaron nun 80%”.

Pola súa banda, Pepe Solla fixo fincapé na importancia do Mercado como elemento dinamizador dunha zona do centro histórico un tanto apartada, deulle os parabéns aos propietarios que se aventuraron nesta novidosa proposta, e animou ao público a visitar esta proposta do Mercado de Abastos.

Como era de agardar, as actividades de lecer programadas pola ludoteca do Ganapán para nenos de entre 4 e 11 anos foron un éxito, contando, ao igual que o acto institucional, con intérprete de lingua de signos (que aportou a asociación Xoga). Xa dende a apertura de ‘O Mercado’ e mentres os seus pais se deleitaban coa nova oferta gastronómica, as nenas e nenos desfrutaron de obradoiros organizados en quendas de media hora e distribuídos en catro espazos: Petiscos (coa elaboración de receitas gastronómicas como o ‘sushipan’), Cóctail (onde aprenderon a facer cócteis sen alcol), Natura (de creación de postais e marcapáxinas con material reciclado) e Arte (cun ‘cursiño’ sobre chapas e imáns de neveira). Por suposto, houbo xogos de probas e xincanas ao longo do serán.

Oferta e horarios

Nunha ambientación nomeadamente mariñeira e das Rías Baixas, na que chaman a atención unha dorna, unha gamela e unha chalana suspendidas do teito (restauradas pola Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo), e amenizada por música soul, rock e ska, os asistentes a esta xornada inaugural puideron gozar dunha variada oferta gastronómica que combina a produción local, ecolóxica e gourmet con propostas máis exóticas. Os clientes de ‘O Mercado’ poderán atopar os seguintes postos nos horarios de apertura que a continuación se expoñen:

  • A Batea do Mercado: mexillonería saudable e sostible que abrirá de martes a sábado, de 11.30 a 15.30 horas e de 19.30 ata peche, e os domingos, de 11.30 a 15.30 horas, permanecendo pechada os luns. Trátase dun espazo gastronómico onde se pode degustar o mexillón das rías galegas, producto de gran valor nutricional elaborado dun xeito sinxelo e fusionado con outras culturas nunha contorna dinámica, divertida, fresca, saudable e sostible. Ofrece comida a domicilio e para levar.
  • Vermutería-coctelería Filamento: vermutería cunha ampla variedade de referencias de vermú de distintos puntos xeográficos e dunha diversa carta de cócteis, dixestivos e aperitivos. Abrirán de martes a sábado, de 12.00 a 17.00 horas e de 20.00 horas ata peche. Permanecerá pechada os domingos pola tarde e os luns. A súa aposta pola experimentación na forma de servir e tomar o aperitivo en distintas partes do mundo permitirá que os clientes viaxen sen saír do Mercado.
  • Piada Romagnola: piadas, ensaladas, zumes, smoothies e sobremesas artesás. O horario de apertura será de martes a xoves e domingos, de 11.30 a 00.00 horas e os sábados e vésperas de festivo, de 11.30 a 01.00 horas. Pechará os luns. Baixo o lema de “saudable, artesá e natural”, en Piada Romagnola combinan a receita tradicional da piada italiana cos ingredientes máis frescos e naturais, tanto os traídos directamente dende Italia como os típicos e de gran calidade que temos en Galicia. O resultado é unha festa de sabores que nos traslada ao aroma, o ambiente e as rúas dos pobos da rexión Emilia-Romagna. A súa carta dispón de zumes, smoothies e postres dulces.
  • A Fervella: cociña tradicional galega e caseira. Aberto de martes a sábado entre as 11.30 e as 15.30 horas e de 20.00 horas ata peche e os domingos entre 11.30 e 15.30 horas (luns pechado), A Ferverlla nace coa idea de regresar ás orixes da cociña tradicional galega, feita co agarimo e mimo cos que as nosas avoas trataban a materia prima e a elaboraban. O menú consta de pratos de culler, como callos, fabada, sopa, caldo galego ou lentexas, pasando por outros ben clásicos da nosa gastronomía, como cocido galego, lacón con grelos, ensaladilla, tortilla de patata, orella á feira, vieira á galega ou chourizo ao viño, sen olvidarnos das empanadillas e empanadas de trigo e millo.
  • Na Pola: hamburguesas da máxima calidade, fingers, brochetas, piruletas México, croquetas de polo, ovos en diferentes variedades e zorza con salsas especiais forman parte da carta de Na Pola, que permanecerá aberto de martes a xoves de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 00.00 horas; venres, sábados e vésperas de festivos de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 01.00 horas, e os domingo entre as 12.00 e as 16.00 horas (luns pechado).
  • Merluzateca: cociña mariñeira “de culler adiante e paso atrás”. O marinense Alfonso Díaz puxo en marcha un establecemento no que só se servirán pratos que leven merluza e que terá o seguinte horario de apertura: de martes a venres de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 horas ata peche; sábados e domingos de 6.00 a 8.00 horas e de 12.00 a 16.00 horas (luns pechado).
  • A Polbería: o máis tradicional polbo da Illa de Ons. Abrirá de martes a sábado de 11.30 a 15.30 horas e de 20.00 horas ata peche, e os domingos de 11.30 a 15.30 horas (luns pechado). A súa carta inclúe recetas de polbo á feira (de Ons, con aceite de oliva extra, pimentón de A Vera e sal), en caldeirada (con mollo de allada) e de O Mercado (grillado con mollo anticucheiro, sobre pastel de batata con lima e pasta de axí), tacos de polbo sobre tortilla de millo e ensalada criolla e cítricos, arroz con polbo, tosta de polbo e queixo de Arzúa e mesmo wok de polbo.
  • Nasa: cervexa artesá creada en Pontevedra da man das fábricas Cervexa Nasa e Cervexas Silvestres, cunha ampla variedade de estilos e con máis de 20 referencias propias. O seu horario de apertura será de martes a domingo de 12.30 a 15.30 horas e de 19.30 horas ata peche (permanecerá pechado os luns).
  • Sete de Abastos: afumados e conservas. Con horario de apertura de martes a sábado de 11.30 a 15.30 horas e de 20.00 horas ata peche, e domingos de 11.30 a 15.30 horas (luns pechado), Sete de Abastos nace co obxectivo de recuperar o proceso de afumado e transportarnos ás lareiras galegas. Especialistas en peixe afumado, na súa carta destacan, entre outros, o atún, a sardiña, as anchoas, o bacalao, o salmón, os arenques e a anguía. Asemade, experimentan con outros produtos.
  • Umami Poke: ‘pokes’ para unha dieta saudable e equilibrada. Aberto de martes a sábado de 11.30 a 16.30 horas e de 19.30 horas ata peche, e os domingos entre as 12.00 e as 16.00 horas (luns pechado), Umami Poke abre as portas ao mundo desta tradicional comida hawaiana con fusión xaponesa, á que tamén se engade a nosa esencia galega. En cinco pasos, con hidratos, proteínas, froitas e verduras, toppings e salsas especiais, elaboran un prato fresco, delicioso, saudable e ideal para coidarte no día a día. ¿Aínda non o probaches?
  • A Viñoteca do Mercado: ampla oferta de viños galegos. Abre de martes a sábado de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 horas ata peche, e os domingos de 12.00 a 16.00 horas (permenacerá pechada os luns).
  • Hortasán, Tenda e Cociña: produción ecolóxica na venda de produtos frescos e cociñados. O horario de apertura será de martes a sábado entre as 10.00 e as 16.00 horas (luns pechado). Trátase dun grupo de produtoras e produtores que decidiron dar un paso máis aló e, despois de abrir un posto no Mercado, agora farán o mesmo coa súa propia cociña, onde preparan os seus produtos ecolóxicos segundo tempada. A carta será pois variable e incluirá dende pochadiños de verduras con cereais ata hamburguesas veganas e ‘carnívoras eco’, pizzas, quichès e tostas.
  • Olmos Gastrobar e Bar Praza: os dous bares de sempre xa existentes no Mercado cunha proposta ampliada e renovada de petiscos e bebidas. Cociñan no momento os produtos frescos que están á venda na planta baixa da Praza de Abastos. O Bar Praza abrirá de martes a sábado de 7.30 horas a peche e os domingos de 11.00 a 16.00 horas, mentres que o Olmos Gastrobar terá actividade de martes a sábado entre as 6.00 e as 16.00 horas e de 20.00 horas a peche, e os domingos de 11.00 a 16.00 horas (ambos pecharán o luns).

Os Fondos FEDER e o Mercado

A reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos está financiada polo Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, seguindo os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto pretende relanzar o sector da restauración e comercial que se asenta no Mercado e dos pequenos comerciantes da zona. Para iso fixéronse as seguintes actuacións:

  • Zonas comúns: recolocación dos postos de verduras na planta baixa; demolición de plataformas actuais dos postos para crear un novo pavimento continuo; adecuación de instalacións de abastecemento, fontanería e electricidade en rexistro no chan para novos usos; pechadura de varandas; arranxo do fío musical e instalación de megafonía central; instalación de conexión wifi; reparación e pintura de pavimentos verticais e paredes horizontales; substitución de cristais defectuosos; fixación de gamelase a súa iluminación…
  • Almacéns: novas estanterías para un mellor aproveitamento do espazo; traslado de material de enfermería, cuarto de vixilancia e oficina da lonxa; reparación e pintura de paramentos verticais de antiga oficina da lonxa, antiga enfermería e almacén; e pintura en teito de antiga oficina da lonxa, antigo cuarto de vixilancia, antiga enfermería e almacén.
  • Aseos: substituír inodoros; novo pavimento continuo en aseos a igualar con pavimento continuo en planta superior; arranxo das portas; e novos accesorios nos aseos.
  • Postos: demolición de verxa actual nos postos e nas cafeterías; eliminar o frontal metálico nos postos; instalación de lona de pechadura; e nova condución de extración de fumes. 
  • Oficina de xestión: reparación e pintura de paramentos verticais e en teito. 
  • Consigna frigorífica: axuste en instalacións eléctricas e de fontanería; demolición de verxa actual; eliminar frontal metálico en postos; instalación de lona de pechadura; novo plafón de madeira en postos; demolición de falso teito e luminarias; novo pavimento; nova iluminación; reparación e pintura; sinaléticas estores; pechadura interior; taquillas.
  • Zona infantil: estores en corredor de zona infantil e pechadura interior sobre fiestras. 
  • Zona de lavado.