Medio Natural iniciará esta semana a renovación paisaxística da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet

115
  • O plan impulsado polo socialista Iván Puentes supón un investimento de 15.000 euros e prevé un novo axardinamento, a mellora do mobiliario e a aplicación de pintura antiesvarante no pavimento

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, iniciará esta semana os traballos de humanización e renovación paisaxística da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet. A actuación, contratada á firma Jara Jardinería Calvarro SL, terá un custe de 14.981,74 euros e traducirase nunha mellora e acondicionamento integral dos espazos públicos neste barrio.

Segundo explica Iván Puentes, os obxectivos deste proxecto pasan por “optimizar as condicións de confort da zona mediante a renovación do mobiliario existente, levar a cabo unha renovación completa dos xardíns que rodean a praza e dotalos dun sistema de rega por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga”. 

As obras contemplan un novo axardinamento coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións. Tódolos parterres contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar as labores de mantemento das zonas verdes.

O proxecto contempla un axardinamento con gran variedade de cores.

Asemade, tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “respectarase o estrato arbóreo dos xardíns e potenciarase coa incorporación dalgunha árbore singular”. “No que atinxe á praza en si, realizaremos unha mellora do mobiliario, así como do aspecto xeral da mesma -subliña o concelleiro do PSOE- mediante o pintado en varias cores de gamas harmónicas, cunha pintura antiesvarante acaída para pavimentos”.

Iván Puentes precisa que os traballos de humanización e renovación paisaxística da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet “teñen un prazo máximo previsto de execución dun mes dende o inicio das actuacións, polo que deberían estar rematados cara finais de setembro”.

Doce tipos de arbustos, flores e prantas

O proxecto coordinado dende o servizo municipal de Parques e Xardíns prevé a reparación de cinco bancos e dúas cadeiras, a reposición do pavimento, a instalación dunha tubería de polietileno e dunha mangueira de goteo e a súa conexión á rede. Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes: agapantos, hedras, cotoneaster, hebes, berberis, loropétalos, olivillas, buxos xaponeses, boneteiros, azaleas e plantas espello, ademais dunha árbore de carácter singular.

COMPARTIR