Aprobado o novo abastecemento a Marcón por 4,3 millóns de euros

18
  • Xunto ao proxecto de Mourente, que abastecerá ao novo Hospital, o investimento no abastecemento rural é de 8,9 millóns de euros; o 30% dos 30 millóns que o Concello investirá na mellora do abastecemento rural nos vindeiros anos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de ampliación da rede de abastecemento á parroquia de Marcón por valor de 4.337.626,97 euros. Está incluído dentro das melloras do novo contrato da Auga, cuxas obras xestiona o concelleiro Raimundo González Carballo, que fai unhas semanas presentou o primeiro proxecto de abastecemento a cargo de aquel contrato: o abastecemento da parroquia de Mourente, do Novo Hospital Montecelo e de Príncipe Felipe cun custe de 4,6 millóns. 

Polo tanto, na actualidade o Concello ten aprobado un investimento de 8.951.857 euros nos novos abastecementos das parroquias de Marcón e de Mourente, case o 30% dos máis de 30 millóns que está previsto que o Concello invista no abastecemento do rural nas parroquias de Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo, Tomeza e Bora. Estes primeiros 9 millóns de euros darán servizo a 1.058 vivendas en total.

A portavoz de Goberno, Anabel Gulías explicou ao remate da Xunta de Goberno que o abastecemento de Marcón atenderá a 448 vivendas dos lugares de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba, A Barcia, A Cardosa, Ría de Abaixo, Freixeiro, A Raxeira e Moldes. A condución afectará ás estradas PO-532 e PO-542.

As dúas zonas que quedan excluídas son os lugares de Pintos e A Peralba ao atoparse en cotas máis altas que o depósito de Castrosenín, do que chegará á condución por gravidade. De todos os xeitos, xa está en estudo completar estes lugares.

O proxecto ten un prazo de execución de 24 meses.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías pediu desculpas anticipadas polas molestias que poidan causar durante a execución da obra e destacou a aposta decidida do Goberno Local polo rural. 

COMPARTIR