Unha ducia de clubes de Pontevedra, Marín e Cangas participarán o sábado na Alameda na I Festa da Petanca

124
  • O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destaca “a paixón por esta disciplina no concello, cunha liga que conta cuns 250 xogadores”

“A paixón pola petanca nas parroquias do noso concello é tan grande que a Liga de Pontevedra, que se disputa no campo da Alameda, conta cuns 250 xogadores. A celebración da I Festa da Petanca é o mellor xeito de poñerlle o broche de ouro á tempada e de facer aínda máis visible esta disciplina”. Deste xeito se referiu hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao evento que o vindeiro sábado reunirá na Alameda a partires das 16.00 horas a 24 equipos pertencentes a 12 clubes de Pontevedra, Marín e Cangas, e que presentou acompañado polo voceiro do colectivo de xogadores, Raimundo Argibay.

A pesar do gran nivel dos participantes, que se distribuirán en catro grupos diferentes, a I Festa da Petanca non ten unha vocación competitiva, senón que, tal e como sinala Argibay, “desenvolverase nun ambiente festeiro” e para público de tódalas idades. Non obstante, segundo indicou, o evento do día 31 contará cunha escola de petanca na que “uns monitores ensinaranlle aos nenos a mover as bolas de aceiro de 800 gramos que se empregan neste deporte”.

A actividade petanqueira desta xornada contará coa participación de xogadores dos clubes Amigos de Campolongo, Centro Social de Pontevedra, O Mirador de Monte Porreiro, Santa María de Xeve, O Pote de Mourente, Verducido, Salcedo Norte, O Carballo de Mourente, A Corticeira de Bora, San Martiño de Salcedo, Petanca Marín e Propegal C.P. Cangas. Os equipos competirán en modalidade de dous contra dous e tres contra tres.

Ademais da Liga de Petanca, que vén celebrándose dende hai cinco anos e que se desenvolveu entre o 16 de marzo e o 29 de xuño no campo próximo ao parque das Palmeiras, a cidade acolleu outros tres torneos: o Trofeo San Xosé ‘Memorial Fernando Viéitez’, organizado pola asociación veciñal de Campolongo; o Trofeo Deputación, impulsado polo Centro Social de Pontevedra, e o Trofeo San Bieito, da asociación O Mirador de Monte Porreiro. Segundo avanzou Raimundo Argibay, “trala Feira Franca, terá lugar o torneo Copa Cidade de Pontevedra”.