Medio Natural restaura a pasarela de madeira da senda dos Gafos que discorre pola rúa da Ponte Nova

9
  • A actuación do departamento que dirixe Iván Puentes supuxo a renovación de pezas do piso, postes e valado que estaban podres

A pasarela de madeira da senda fluvial do río dos Gafos que discorre pola rúa da Ponte Nova luce como nova despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural rematase os traballos de restauración da mesma. A actuación do departamento que dirixe o socialista Iván Puentes, que supuxo un investimento de 4.600 euros, incluíu “a retirada de pezas de madeira danadas e podres e a súa substitución por outras novas, tanto no piso como nos valados”.

Asemade, a brigada municipal de Parques e Xardíns tamén levou a cabo unha limpeza en profundidade con auga a presión e un lixado dos distintos elementos, así como un tratamento mediante lasur protector en toda a madeira. Segundo sinala Iván Puentes, trátase dun treito de pasarela sobre o río duns 60 metros de lonxitude que é moi empregada polos pontevedreses nos seus paseos polo río dos Gafos e que se atopaba en mal estado de conservación, con postes podres no valado e pezas do piso levantadas”.

A pasarela de madeira amosa unha faciana totalmente renovada.

“Repuxéronse absolutamente tódolos postes e pasamáns que estaban deteriorados na pasarela, polo que o resultado dos traballos foi excelente e este treito recuperou a faciana que tiña na súa estrea”, valorou o concelleiro do PSOE.