O Cantos na Maré celebra o seu 15 aniversario con Mayra Andrade, Enredadas, Clara Peya, Maria João e Antón Reixa

77
  • O festival acollerá máis de 20 concertos e unha ducia de actividades en toda a cidade: Pazo da Cultura, Teatro Principal, Praza da Pedreira, Libraría Paz e todo o casco vello
  • O Pazo da Cultura acollerá concertos de Mayra Andrade e Enredadas; o Principal dúas propostas ligadas ao jazz: Clara Peya e Maria João; e a Praza da Pedreira músicas máis arriscadas e urbanas: Bia Ferreira, Vivi Pozzebón, Brasil Dub, Napalma, Assa Matusse, Laura Lamontagne, DJ Mil e Mohammed Yahya, o Coro da Marinha, As Cantigas de Elena e Zeltia Irevire, entre outros

O Cantos na Maré regresa á cidade de Pontevedra os días 13, 14 e 15 de setembro para celebrar a décimo quinta edición que acollerá máis de 20 concertos e unha ducia de actividades, que terán lugar no Pazo da Cultura, o Teatro Principal, a Praza da Pedreira, o Museo de Pontevedra, a Libraría Paz e outros espazos da cidade.

Os dous grandes concertos do Pazo da Cultura estarán protagonizados pola estrela caboverdiana Mayra Andrade (sábado 14), abandeirada do pop tropical, que vén de lanzar o seu quinto álbum, ‘Manga’, en crioulo e en portugués; e as encargadas de pechar o festival o domingo 15 serán Enredadas, o proxecto que aúna o jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira ao que se unirán outras voces da Lusofonía.

O Teatro Principal acollerá o domingo dúas interesantes propostas ligadas ao jazz: Maria João (Portugal) acompañada de Pablo Lapidusas, a grande cantora de jazz portuguesa, coñecida pola súa flexibilidade vogal e a súa capacidade de improvisación; e a catalana Clara Peya, pianista e compositora, considerada unha das creadoras máis orixinais e únicas que apareceron nos últimos tempos na escena peninsular e cuxa obra bascula entre a música de cámara, o jazz, o pop e a electrónica, mantendo sempre como centro de gravidade o piano.

Outro dos espazos é en pleno Casco Vello, na Praza da Pedreira, onde se poderán gozar as propostas máis arriscadas e urbanas dirixidas a un público máis novo: Bia Ferreira (Brasil), Vivi Pozzebón (Arxentina), Brasil Dub, Napalma (Brasil/Mozambique), Assa Matusse (Mozambique), Laura Lamontagne (Galicia), DJ Mil e Mohammed Yahya (Mozambique), ademais do Coro da Marinha, dirixido por Ugia Pedreira, As Cantigas de Elena e Zeltia Irevire, entre outros.

Actividades no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acollerá outro ano máis varias actividades de balde para todos os públicos: narración oral con Vero Rilo e Faia Díaz; un concerto familiar con Magín Blanco, que presenta “Camiños”; roteiro pola colección do Museo e concerto posterior ao piano con Brais González; performance “Melancoholemia” de Antón Reixa; e dous filmes do ciclo “Cinemaré”.

Música e libros na Libraría Paz

Esta libraría pontevedresa acollerá a presentación de dúas novidades literarias relacionadas coa música: o venres 13 ‘Sindo de Olelas’, coa presenza do seu autor, Xurxo Souto; e o sábado 14 ‘Guadi Galego, pola beira da canción’, coa presenza do autor, Pepe Cunha, canda a cantora Guadi Galego e os xornalistas Teresa Cuíñas e Carlos Crespo.

Xurxo Souto protagonizará un ano máis un singular roteiro musical pola cidade que converxerá nunha encrucillada de acordeóns e nun cruce de sons que nos levará a varios países do mundo.

As entradas para os concertos do Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa están á venda desde hoxe en Eventbrite/Ticketea, ademais dos abonos para todo o festival: http://cantosnamare2019.eventbrite.es

O novo Cantos na Maré

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como o cinema, a performance, os roteiros culturais ou a narración oral.

O Cantos na Maré está producido por Nordesía e apoiado por AGADIC e Fest Galicia, o Concello de Pontevedra e o Pazo da Cultura e Fest Galicia, coa colaboración do Museo de Pontevedra, a Libraría Paz, Maravallada e a Rede da Galilusofonía.

COMPARTIR