O Centro Deportivo de Campolongo recollerá as peticións de Amizade para vestiarios e accesos

70
  • Aínda que as novas instalacións xa cumpren coa normativa, o concelleiro de Deportes e o director das instalacións queren incluír todos aqueles cambios que optimicen a mobilidade

Aínda que o proxecto xa cumpre coa normativa nesta materia, o novo Centro Deportivo de Campolongo incluirá todos aqueles cambios que optimicen a mobilidade das persoas con diversidade funcional e faciliten a utilización dos diferentes espazos. Así llo transmitiron hoxe a Paulo Fontán e César Maquieira, voceiros do colectivo Amizade, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o director do complexo deportivo, José Bamio, e a arquitecta Beatriz González, da firma Arealonga, responsable das obras.

Foi nunha reunión que tivo lugar na sala de xuntas do Concello e na que Fontán e Maquieira tiveron ocasión de plantexarlles algunhas apreciacións que poderían mellorar as condicións dos servizos e dos accesos ás piscinas. Tal e como sinalou Tino Fernández, “a pesar de que o proxecto do Centro Deportivo de Campolongo está francamente ben, sempre hai cousiñas que se poden mellorar e este é o camiño, escoitar a quen pode ter unha vivencia persoal no asunto e buscar alternativas alí onde sexa posible”. “Ambas partes -avanzou o socialista- xa se emprazaron para  cruzarse correos electrónicos e ver algún mapiña máis”.

Paulo Fontán agradeceu a receptividade da Concellería de Deportes e sinalou que, aínda que “está todo ben en liñas xerais”, sempre hai “algún aspecto que se podería mellorar”. Segundo explicou, trátase de temas “como un inodoro por exemplo, que pode ir ben en base á normativa, pero que se ao mellor se despraza uns 20 centímetros pois pode facilitar moito as cousas”.

Pola súa banda, José Bamio amosou a súa enteira disposición a compartir cos membros de Amizade os planos que precisen e asegurou que o Centro Deportivo “mantén a data do 1 de outubro para a súa apertura”. Segundo indicou, “o número de altas rexistradas xa está por riba das 2.200, é dicir, supera ás que tiñamos no anterior concurso e, de feito, xa estamos pensando en limitalo”. “O aforo está pensado para que, en hora punta, estean un máximo de 600 persoas”, matizou.