Unha ducia de peticións e convites para coñecer o Modelo de Pontevedra

77
  • Bos Aires, Italia, Glasgow, Alemaña, Londres son algunhas das citas que terá a cidade nos vindeiros meses para explicar a súa experiencia

O Concello de Pontevedra inicia o novo curso político cun intenso goteo de consultas sobre o modelo urbano, así como de peticións para asistir a conferencias tanto estatais como internacionais. A concelleira de Promoción da Cidade e Portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou esta mañá que “o modelo crece cara o público anglosaxón que era unha das prioridades do Goberno”.

Anabel Gulías explicou que o modelo de cidade está recibindo moitos convites en relación ao cambio climático e sobre as accións que se poden facer dende os concellos para mellorar a situación.

A día de hoxe, a axenda fixada para os vindeiros dous meses é a seguinte:

Setembro:

  • 2 de setembro: Visita de arquitectos do despacho Garona – Di Nunzio de Bos Aires (Arxentina) para coñecer o modelo de cidade in situ. Coñeceron a experiencia a través do pedagogo Francesco Tonucci e decidiron achegarse a Pontevedra para coñecela de primeira man.
  • 6 de setembro. Antonio Mazzone, concelleiro de promoción de políticas ambientais, enerxéticas e desenvolvemento sostible da localidade italiana de Ruvo de Puglia (25.000 habitantes). Visitará Pontevedra para coñecer a realidade da cidade xa que Ruvo de Puglia está a realizar cambios na súa mobilidade e quere elevar a calidade urbana dos seus veciños.
  • 17 setembro: A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías participa na Semana da Mobilidade organizada polo concello portugués de Funchal, baixo o título “Cidades sustentables: A importancia da mobilidade na recalificación urbana e cohesión territorial”.
  • 18 de setembro: O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participa nunha xornada de mobilidade sostible dende o punto de vista do xénero que se realizará en Alicante. O convite está remitido pola secretaría xeral de CCOO de       L´Alacanti les Marines.
  • 26 – 27 de setembro: Conferencia internacional da Alianza do Clima. Rostock, Alemaña. Conferencia na que participan máis de 200 entidades locais do mundo para estudar o papel dos concellos na acción climática e a posta en marcha de estratexias locais para o fomento dun bo futuro para todos.

Outubro:

  • 18-20 de outubro: Bruxelas. Pontevedra participa na conferencia “¡Movemento urbano! Conectando resistencias e alternativas” que se celebra en Bruxelas organizada pola Fundación Rosa Luxemburgo. Están convidados activistas e grupos de distintos países europeos.
  • 19 outubro: Glasgow. O Concello de Pontevedra está convidado a participar na III Cumbre internacional de rúas saudables da que é anfitriona a cidade de Glasgow que vai destinar varios millóns de libras para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, con rutas peonís e ciclistas. O Concello estará representado pola concelleira responsable da Promoción da Cidade, Anabel Gulías.
  • 30 de outubro: O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participa na xornada “¿Construímos sostenibilidad?” para abordar o modelo das cidades sostibles. O convite procede da Cátedra de Cooperación para o desenvolvemento da Universidade de Zaragoza que desenvolve o proxecto “Crisis climática y límites del planeta”, en colaboración coa Federación Aragonesa de Solidaridad, coordinadora das ONGs aragonesas.
  • No mes de outubro o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participará como ponente no congreso “Caminos escolares seguros” de Zamora, aproveitando que a localidade castelá está tratando de pór en marcha os camiños escolares seguros na cidade.

Ademais, o Concello xa recibiu convite para participar noMOVE 2020 o 11 e 12 de febreiro de 2020 en Londres. Esta conferencia internacional celebrou o ano pasado o seu encontro con máis de 400 oradores, 2.888 delegados, 150 patrocinadores e expositores de 62 países de todo o mundo.

E cara mediados de ano, Pontevedra foi convidada a participar no Fifteen Seconds Festivalque se celebrará o 4 e 5 de xuño na localidade austríaca de Graz. Solicitan a presenza do alcalde para compartir a experiencia de Pontevedra “como pioneira da transformación urbana”.

Ademais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores foi incluído dentro dos oradores internacionais que deberan ser escoitados dentro da conferencia anual que organiza a Greater Cambridge Partnership. Os socios desta entidade son o concello de Cambridge, o consello do Condado de Cambridgeshire, o consello do distrito sur de Cambridgeshire e a Universidade de Cambridge.