A Feira Franca incorpora un encontro de embarcacións tradicionais no río Lérez

12

Tal e como xa anunciara o pasado ano a concelleira de Festas, Carme da Silva, o río Lérez terá un especial protagonismo na XX edición da Feira Franca, ao acoller, por primeria vez, un encontro de embarcacións tradicionais. Segundo anunciou Da Silva, participarán un total de 20 embarcacións, que permanecerán, durante a xornada do sábdo, no tramo do Lérez entre a Ponte da Correntes e a Ponte de Burgo. 

Esta actividade realízase en colaboración coa Federación Culturmar por ser a entidade a nivel galego que “promove e promociona a cultura marítimo-fluvial de Galiza e polo seu importante traballo de recuperación de embarcacións tradicionais” asegurou a concelleira. Na xornada do sábado, ás 12 da mañá está previsto que as 60 persoas que compoñen a tripulación das 20 embarcacións procedan ao izado das velas e realicen pequenos percorridos polo tramo do Lérez entre as dúas pontes. Ademais por esa beira do río, tamén se instalarán paneis informativos coas características das embarcacións e unha pequena exposición de elementos marítimos -como apeiros e redes-, de xeito que complemente a xa existente exposición de oficios mariños que se vén realizando na contorna da praza do Peirao.

Entre as novidades desta edición da Feira, Carme da Silva tamén presentou o novo deseño en pedra das fontes que se instalarán no recinto. “Grazas a Viaqua, que na oferta para a concesión do servizo, levaba incluída unha fonte especial para a Feira Franca, teremos auga da rede pública e de boa calidade á nosa disposición” indicou Carme da Silva. Explicou que se instalarán 15 fontes, con este deseño específico “para que Pontevedra siga sendo a vila de dá de beber a quen pasa”. Con este deseño mellórase a instalación de fontes que se viña realizando en anos anteriores, en palabras da concelleira “cunha instalación fixa, contínua e que ademais está perfectamente coordinada co deseño que ten toda a instalación da Feira Franca”.

A Feira Franca, que abrirá oficialmente o venres 6 ás sete da tarde, adoptou como temática nesta edición, e con motivo do seu 20 aniversario, a propia Feira Franca, para o que recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante estas dúas décadas de traxectoria.

Tamén nesta edición se tocou teito en canto ao número de mesas confirmadas para a xornada do sábado, chegando ás 400 mesas, das que 250 corresponden a particulares e 150 a hostalaría. En canto ao número de  postos, habilitaranse 33 de mercado de alimentación que se distribuirán entre Alameda, avenida de Montero Ríos, praza de España, rúa Pasantería e praza de Curros Enríquez; e 37 postos de mercado de artesanía que se ubicarán na avenida de Santa María.

COMPARTIR