O Salón, que regresará á cidade do 6 ao 27 de marzo de 2020 co humor como tema e Italia como país convidado, convoca o III Premio Internacional de Ilustración xunto a Gálix

115
  • As bases do certame están dispoñibles na páxina web www.salondolibro.gal e o prazo para presentar orixinais permancerá aberto ata o 14 de outubro.
  • A imaxe gañadora, dotada con 3.000€ para o autor/a, será empregada no cartaz da vindeira edición e xunto ás 12 finalistas, formará parte dunha exposición no Salón e do almanaque.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá, acompañada da membro da directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Ana Luna Alonso, o III Premio Internacional de Ilustración do Salón do Libro que convocan conxuntamente dende hai 3 anos.

Fouces aproveitou a ocasión para desvelar diferentes e importantes aspectos do Salón tales como as datas de celebración da XXI edición – do 6 ao 27 de marzo de 2020 – e o tema central da mesma, consensuado con asociacións, AMPAS e centros escolares: o humor “de todos os tipos. De ledicia, pero tamén de reflexión e de crítica porque o humor tamén serve para iso: facer crítica social, que é moi importante”.

Carme apuntou tamén ao humor como unha das cualidades do “equipo que hai detrás do Salón e que leva traballando moitos meses neste proxecto que esixe moito tempo, moita enerxía, humor e ganas de facer as cousas”

 O terceiro anuncio e non menos importante, foi o do país convidado, Italia, que continuará o camiño de internacionalización iniciado en anos pasados. “Adoitamos traballar con todas as entidades dos países convidados: Embaixadas, Ministerios de Cultura, etc. para poder ter aquí no Salón unha boa representación de Italia, pero tamén para conseguir que en Italia se coñeza a nosa LIX e posibilitar este intercambio cultural”.

Con respecto á convocatoria, a concelleira destacou “a importancia de facelo da man de Gálix, que co seu traballo e as súas canles de difusión, permite chegar a todas as latitudes do Planeta  dentro do proceso de internacionalización no que o Salón está inmerso. Algo que estamos a conseguir e que queda reflictido na participación, recibindo cada ano máis de 100 propostas procedentes de 25-30 países distintos. Agardamos que este ano a acollida sexa igual de boa e contar con propostas plásticas variadas de fóra pero tamén as de ilustradores e ilustradoras do no noso país, cunha ampla tradición gráfica. E máis nesta cidade coa facultade de Belas Artes e a Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”.

A vocal de traducción e membro da directiva de Gálix – logo de desculpar as ausencias do presidente Xose Antonio Perozo e Antonio Seijas, ilustrador que adoita formar parte do xurado – manifestou a súa ledicia por seguir asistindo e colaborando activamente co Salón tanto na convocatoria do certame e elaboración do almanaque, como na escolla da bibliografía coa que os centros escolares colaboradores do Salón, traballan todo o curso para presentar os seus proxectos. “É unha ledicia que se lle dea continuidade a certames como este, que ademais teñen moi boa acollida, ampla e diversa con máis de 100 propostas de 25 países. O prestixio e o premio non é só a dotación económica, senón formar parte da exposición do Salón e o almanaque: un documento bonito que non só ten a utilidade inmediata de anunciar datas e acontecementos que teñen que ver co libro, senón poñer de relevancia a figura de autorxs, traductorxs, ilustradorxs e tamén mediadorxs, aos que a veces non se lles da o valor que merecen pese a ser quen leva os libros aos centros, bibliotecas e asesoran ás persoas, coa importancia que o libro ten na formación das mesmas”.

Sobre a labor de difusión do certame que realizan dende Gálix, Ana apuntou como canles o seu blog, as redes sociais galegas coas que teñen contacto e máis aló a través de plataformas a nivel estatal como a OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil)  e tamén internacional mediante o IBBY.