O Concello remata o proxecto de seguranza viaria do CEIP Vilaverde

175
  • Reparáronse os servizos (pluviais e fecais), creouse unha plataforma única, espazo de estacionamento de autobuses, sinalización viaria e asfaltado en vermello de toda a zona.
  • Completarase no futuro cunha ampliación cara a avenida de Lugo, xa que é o centro de ensino con maior matrícula, ao nivel de Froebel, Álvarez Limeses ou Campolongo.

O vindeiro martes quedará totalmente rematada a obra de mellora da seguranza viaria nas inmediacións do CEIP Vilaverde, na parroquia de Mourente. Os traballos realizáronse ao longo dos meses de verán, aproveitando o fin de curso. Así o comprobou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o coordinador do rural, Alberto Oubiña, na súa visita aos arredores do centro, onde estiveron acompañados por responsables da empresa e pola directora do Vilaverde.

O alcalde lembrou que se tratou dunha obra “importante” na que apareceron dificultades con tubaxes antigas “e como criterio cando se actúa hai que deixar todo ben de cara ao futuro”, de feito asegurou que “cada vez que levantamos algo, vemos que está todo sen facer: tubaxes rotas, conexións de pluviais a fecais…”.

A obra tivo que pararse o pasado mes de decembro xa que se detectou problemas na canalización das pluviais e do servizo de fecais. Coñeceuse cando se comezou a traballar na vía e, finalmente, obrigou a parar a obra xa que era preciso abrir fendas de máis de 2,5 metros en plena época escolar para reparar as canalizacións.

O resultado “é unha zona de cohexistencia e preferencia peonil, que terá dirección de saída única cara abaixo en horas escolares, e noutras horas funcionar nas dúas direccións”, explicou Lores.

O Concello adxudicara no seu día a obra de mellora da accesibilidade e seguranza viaria na contorna do CEIP Vilaverde á empresa Elsamex, cun orzamento de 158.670 euros. Ademais de reparar os servizos -actuación que non estaba prevista inicialmente e que incrementou a obra nuns 100.000 euros-, a intervención consistiu na construción dunha plataforma única, colocación de sinalización horizontal e vertical, aproveitamento de sobreanchos da rúa que foron asfaltados, a instalación de pasos sobreelevados (lombos), e a creación dun espazo específico para o transporte escolar.

Segunda fase

O alcalde tamén explicou que esta actuación completarase no futuro mellorando o acceso ao colexio dende a Avenida de Lugo, xa que é o centro de ensino do rural con maior matrícula (arredor de 450 cativos e cativas), ao nivel de Froebel, Campolongo ou Álvarez Limeses. O alcalde xa deu orde iniciar o proxecto de ampliación canto antes.

A mellora da contorna do CEIP Vilaverde é unha actuación incluída nun convenio de colaboración Concello-Deputación asinado en decembro de 2017. O incremento do custe da obra foi asumido polo Concello.