Lourizán contará con tecnoloxía led en toda a rede de alumeado público

82

A Xunta de Goberno aprobou, na súa sesión de hoxe, a contratación da substitución das luminarias leds que faltaban na parroquia de Lourizán. Este proxecto ascende a 272.000 euros, ten un prazo do execución de 30 días, e completará a colocación de lámparas con esta tecnoloxía naquelas rúas e camiños nas que aínda non se implantara. Hai que lembrar que unha parte da parroquia (a máis próxima a Marín) xa dispón desta tecboloxía grazas a un proxecto conxunto que se realizara anteriormente co Concello de Marín.

Esta intervención enmárcase dentro dun proxecto máis amplo que persegue o obxectivo de extender a tecnoloxía led ás parroquias do rural e avanzar nos parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade xa implantados no centro e nos barrios urbanos, seguindo a liña de buscar a equidade de servizos da zona rural ao respecto da urbana. Polo momento, as parroquias nas que xa se instalaron luminarias leds son Bora, Ponte Sampaio e A Canicouva.

Ademais da eficiencia enerxética, este proxecto reforza outras cuestións como a seguridade nas rúas, a seguranza viaria, a redución das avarías ou a rebaixa da luz intrusa. Entre as vantaxes da tecnoloxía led destacan a alta calidade e rendemento, a  posibilidade de dirixir á luz con precisión á área que se quere iluminar e de evitar a luz intrusa (nas vivendas, por exemplo) e tamén a contaminación lumínica. Ademais, na iluminación led a ausencia de radiación infravermella e ultravioleta, garanten a calidade da luz. Tamén é coñecida a alta resistencia e durabilidade da tecnoloxía led con máis de 80.000 horas de luz e con maior rapidez de resposta.