O persoal do Punto Morado acompaña ao coche a unha rapaza nunha Feira Franca sen acosos nin agresións

518
  • A iniciativa impulsada pola concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, repartiu durante a xornada festiva 2.500 flyers informativos, 1.000 pegatinas, 1.000 pulseiras e 800 dípticos

Ao igual que acontecera nas Festas da Peregrina, nas que os voluntarios do Punto Morado acompañaron ás súas casas a dúas mozas que así o requeriran, o persoal da caravana contra as violencias machistas volveu atender a pasada noite unha solicitude de acompañamento dunha rapaza, nesta ocasión ata o seu coche (aparcado nas inmediacións do campus universitario). Foi a única intervención dunha Feira Franca na que a iniciativa impulsada pola Concellaría de Igualdade se traduciu nunha intensa actividade informativa e de sensibilización, pero que se saldou sen casos de acoso ou agresión sexual rexistrados.

A caravana morada, que tampouco recibiu avisos relativos a mulleres en estado de desorientación por embriaguez (suposto que si acontecera nas Festas da Peregrina), volveu a ter unha gran acollida entre a cidadanía, cun goteo constante de persoas de tódalas idades que se achegaban para realizar consultas. A propia concelleira de Igualdade, Paloma Castro, amosouse “sorprendida” ao ver que, nalgúns intres, “había incluso colas de xente agardando para recibir información”.

A meirande parte das consultas versaban sobre os casos nos que se poden solicitar os acompañamentos a mulleres, a lexislación actual en materia de violencia de xénero, o acoso telefónico ou cibernético, as diferenzas entre agresión e abuso, o tipo de condutas consideradas acoso e os teléfonos de atención existentes. Varias persoas preguntaron sobre a posibilidade de participar no voluntariado da equipa do Punto Morado, que na Feira Franca contou cunha psicóloga/criminóloga, unha psicóloga/axente de igualdade e cinco voluntarios.

O goteo de visitas á caravana foi constante durante toda a festividade.

Segundo sinala a coordinadora da iniciativa, Mónica Novas, a boa acollida da caravana morada reflectiuse, unha vez máis, en “nais, pais e, sobre todo, xóvenes, que se achegaron para agradecer a existencia deste punto de seguridade para as mulleres”. “O acompañamento e a atención a mulleres en estado de desamparo -salienta- son as accións que mellor acollemento teñen entre as opinións dos usuarios e usuarios que visitaron o Punto Morado”.

A actividade informativa e de concienciación completouse co reparto de 1.500 flyers polos locais nocturnos e comercios de Pontevedra, outros 1.000 distribuídos directamente na caravana e polo voluntariado, 1.000 pegatinas, 800 dípticos e 1.000 pulseiras. A idade das persoas que realizaron as consultas situouse entre os 14 e os 60 anos.

“A cidade amosou que pode haber festas sen violencias machistas”

A concelleira de Igualdade amosouse “moi orgullosa do comportamento cívico e a actitude exemplar dos veciños de Pontevedra, que novamente amosaron que na nosa cidade se pode desfrutar dunhas festas tranquilas e libres de violencias machistas”. “Moita xente que se achegou ata a caravana para recoller folletos e información felicitounos pola existencia desta iniciativa municipal, o que amosa a importancia de que as mulleres conten cun punto de seguridade e de sensibilización como este”, subliña a edil socialista.