Pontevedra entra de cheo na loita contra o cambio climático coa campaña Efecto PO2

593
  • O Concello fará un chamamento á participación nas mobilizacións locais e galegas convocadas a nivel mundial o 27 de setembro.
  • Proxéctase unha programación pedagóxica, de concienciación e mobilización entre os institutos e os colexios de primaria, que se completará con conferencias e exposicións neste último trimestre do ano.
  • A loita contra o cambio climático será unha das liñas de traballo clave da Concellaría de Promoción da Cidade neste mandato.

A Concellaría de Promoción da Cidade pon en marcha no último cuadrimestre do ano a campaña Efecto PO2, que pretende traer ao primeiro nivel da actúalidade local o momento clave de emerxencia climática que vive o planeta e o protagonismo que ten Pontevedra. “Queremos facer ver en setembro, data clave de mobilización mundial, que Pontevedra é o lugar para demandar que isto da emerxencia climática non só son as selvas, o Ártico ou o xeo, senón que nos afecta a todos”, explicou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que presentou esta mañá a campaña, que será unha liña de traballo clave nos vindeiros catro anos.

A concelleira indicou que chegou o momento de “vincular a imaxe de Pontevedra coa súa transformación urbana e a revolución ecolóxica que supuxo coa aposta pola loita pola emerxencia climática, que hoxe está en boca de todos”. Recordou que no momento en que Pontevedra impulsaba o seu modelo de cidade “non era un debate que se tiña”.

O nome da campaña Efecto PO2 “collémolo das emisións de CO2, que son unhas das principais causas do quecemento global do planeta. Precisamente Pontevedra coa posta en marcha de políticas de cambio de concepción de espazos públicos e redución de tráfico a motor, conseguiu reducir as emisións nun 66%”.

Os obxectivos da campaña Efecto PO2 son:

  • Demandar ás institucións políticas claras de acción para emerxencia climática e a investigación das causas reais da emerxencia climática.
  • Impulsar políticas que Pontevedra xa ten en marcha como o modelo urbano que reduce o CO2, avanzar na redución da pegada ecolóxica nos biorresiduos (compostaxe), e reducir as fugas da auga na rede de abastecemento e de sumidoiros para xestión racional e eficiente da auga.
  • Chamar á mobilización cidadá o vindeiro 27 de setembro cando están convocadas mobilizacións a nivel global para denunciar a emerxencia climática na que se atopa o planeta. “Pontevedra foi pioneira no impulso de accións reais e queremos acompañar ás accións que se fagan en Galiza e a nivel xeral para demandar o cambio real na toma de decisións”, explicou Anabel Gulías.

Programación local

Ademais de acompañar ás mobilizacións que se poñan en marcha o vindeiro 27 de setembro, dende a Concellaría de Promoción da Cidade proporanse actividades complementarias:

  • Nos institutos coa colaboración co CSIC. O investigador Antón Salgado axudará a explicar aos máis novos que o tema da emerxencia climática “é un tema que nos afecta tamén a nós”, indicaba Anabel Gulías. Dende os institutos avaliaranse efectos concretos como o retroceso dos areais, a afección das estruturas portuarias, as consecuencias do monocultivo… tratando de concienciar e mobilizar ao alumnado.
  • Nos centros de primaria, aproveitarase a edición do libro “A miña cidade” feito baixo o ciclo Urbtopías, para traballar cos cativos na concienciación de que o cambio global empeza no local.
  • Asistencia a foros de debate internacional sobre o futuro da cidades e o clima como os que se van desenvolver en Glasgow, Rostock ou Funchal, nos que participará Pontevedra.

Esta programación, que se desenvolverá no último trimestre do ano, irase completando ao longo dos meses con conferencias, exposicións, debates… e incorporando os indicadores ambientais da cidade de Pontevedra ao Observatorio Urbano de Pontevedra, entre outras iniciativas.

“Pensa globalmente, actúa localmente”