Pontevedra pecha a programación festiva de verán “con cifras de récord”

59
  • Carme da Silva salienta a ausencia de incidencias destacables e felicita á sociedade de Pontevedra pola súa participación e boa acollida
  • De cara á vindeira edición da Feira Franca, prevese a incorporación da contorna da Ponte de Burgo e do peirao medieval

“Cos datos que podemos ter a día de hoxe, as cifras de participación foron de record total” aseguraba esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva, na valoración de toda a programación festiva do verán. Tras a celebración da Feira Franca como punto final, a concelleira anunciou que cara a fin de mes se elaborará un informe que recolla o retorno económico que as máis de 300 actividades programadas supuxeron para os diferentes sectores da cidade. En todo caso, Carme da Silva asegurou que “se cumpriron os obxectivos que se perseguían cando se fixo a programación” e cualificou esta edición das festas como “un verán espléndido”. 

Carme da Silva aproveitou para felicitar á sociedade de Pontevedra pola participación e boa acollida ás miles de persoas que acudiron á cidade, asegurando que “esta fin de semana, a Feira Franca foi un exemplo de festa, que se desenvolve no espazo público, en convivencia e con moi bo ambiente”, e salientou a ausencia de incidencias destacables. No apartado de felicitacións tamén quixo destacar “o traballo e o compromiso das asociacións” e o de todos os servizos “que traballan de forma directa e indirecta nesta programación”.

Sobre a Feira Franca indicou que “o grande reto é manter o nivel e a calidade, e estamos traballando xa en ideas para ampliar a programación”. Neste sentido, adiantou que “unha vez recuperada a ponte do Burgo, o ano que vén xa estará en condicións, tanto a ponte como a contorna, de incorporarse e de formar parte da programación da Feira Franca”. A incorporación deste espazo na vindeira edición permitirá poñer en valor o papel que tivo “o peirao medieval no comercio e no tránsito de mercadorías”, segundo explicou a concelleira, o que vai na liña da filosofía histórica da propia Feira Franca.