Ruvo di Puglia fíxase no modelo pontevedrés de calmado do tráfico para avanzar na súa planificación urbana

137
  • O concelleiro de políticas ambientais, enerxéticas e desenvolvemento sustentable da cidade italiana mantivo un encontro con Anabel Gulías para coñecer polo miúdo os parámetros aplicados en Pontevedra

Antonio Mazzone, concelleiro da cidade italiana Ruvo di Puglia, mantivo esta mañá un encontro coa concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, para coñecer polo miúdo os distintos parámetros que se aplicaron para desenvolver o modelo urbano pontevedrés.

Tras o encontro, Antonio Mazzone, que é o responsable municipal de promover políticas ambientais, enerxéticas e de desenvolvemento sustentable para o territorio, asegurou que entre as ideas básicas máis destacables da experiencia pontevedresa están o concepto de “espazo público como un dereito” e a “área 30”, indicando que “calmar o tráfico que se concentra no medio da cidade permite que todo o mundo poida moverse sen problema: bicicletas, crianzas e peatóns”. 

O concelleiro italiano explicou que as medidas relativas á ordenación do tráfico en Italia son moi difíciles de implantar e que son medidas moi “impopulares”. A pesares diso asegurou que, tras o encontro con Anabel Gulías, cre que “o importante é a planificación” e que no seu concello “teñen unha situación económica moi negativa pero moita enerxía para camiñar nesta dirección” (en alusión ao calmado do tráfico).

Antonio Mazzone explicou que Ruvo di Puglia é unha cidade de aproximadamente uns 26.000 habitantes na que están traballando para implantar diferentes medidas en relación á ordenación do tráfico e do espazo púbico. A primeira medida consistiu nun plan de aparcadoiro específico para o interior do centro histórico, posto que a presión nesta área era elevada. Asegurou que esta primeira medida foi moi impopular pero que, a pesares diso, continuaron cunha iniciativa denominada “piedebus”, para facilitar que as crianzas vaian camiñando á escola primaria e que, na actualidade, están probando a facer unha ruta ciclable por toda a periferia da cidade. 

COMPARTIR