O campionato de videoxogos ‘Rise of Atlantis’ chega esta fin de semana a Pontevedra

41

Os días 13, 14 e 15 de setembro, o Pazo da Cultura, acollerá unha edición do campionato de videoxogos ‘Rise of Atlantis’ clasificatorio dentro do circuíto estatal ‘smash la cúpula’. O torneo foi presentado esta mañá polo concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, o organizador de torneos smash, David Otero, e os membros da asociación pontevedresa Gaming Troop, Marcos González e Diego Seoane. 

Segundo explicou David Otero o campionato desta fin de semana reunirá “a moitos xogadores de alto nivel de todo o Estado” grazas a que a comunidade de xogadores galega é unha moi activa dentro da comunidade estatal, tanto a nivel de organización de eventos como desprazando xogadores a outros lugares. Este torneo será o segundo de carácter rexional, despois de terse celebrado o primeiro en Vigo fai seis meses, e contará con xogadores procedentes de Valladolid, País Vasco, Cataluña, Madrid e Burgos. 

As tres xornadas do evento divídense en tres competicións diferenciadas. O venres terá lugar a competición ‘crews’, para equipos de cinco persoas; o sábado terán lugar as competicións individuais; e o domingo será a quenda das competicións “teams”, isto é, por parellas.

Desde a Asociación Gaming Troop, Marcos González e Diego Seoane aproveitaron para manifestar a súa intención de trasladar todas as competicións e eventos de carácter galego a Pontevedra, aproveitanto as facilidades e a boa disposición do Concello.