Uns 300 deportistas participarán a fin de semana no XXI Torneo Internacional de Tenis de Mesa de Monte Porreiro

71
  • O concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, destaca este torneo de verán como “un referente que cada ano congrega en Pontevedra a un número maior de participantes de alto nivel”

Uns 300 deportistas pertencentes a máis de 20 clubes galegos e portugueses participarán esta fin de semana no XXI Torneo Internacional de Tenis de Mesa organizado polo Monte Porreiro. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, asegurou hoxe que este torneo de verán “tense consolidado como un referente que cada ano congrega en Pontevedra a un número maior de participantes de alto nivel”.

Foi durante a rolda de prensa celebrada para presentar esta nova edición do clásico do tenis de mesa, na que tamén estiveron presentes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada socialista Olga García Ballesteros; o presidente do Tenis de Mesa Monte Porreiro, Lucho Álvarez; o director deportivo do clube, Fernando Álvarez, e os xogadores Noa Bernárdez e Nacho Fernández. O campionato desenvolverase nas instalacións do centro Príncipe Felipe (en 18 mesas) e dará comezo o sábado ás 9.30 horas, coa participación de 191 xogadores de categorías inferiores (prebenxamíns a sénior) e veteráns (maiores de 40, 50, 60 e 65). O inicio das finais desta xornada está previsto para as 20.00 horas e a entrega de trofeos para as 20.30 horas.

Segundo precisou Lucho Álvarez, o domingo tocaralles o turno a uns 104 tenistas de categoría absoluta e 15 afeccionados, que disputarán os seus encontros entre as 10.00 e as 19.00 horas. “Trátase dun campionato de récord, tanto no que atinxe a xogadores inscritos como á calidade dos mesmos”, sinalou o presidente do Monte Porreiro.

A presentación do evento tivo lugar na sala de prensa do Concello.

O director deportivo do clube pontevedrés subliñou a elevada presenza de nenos, “moitos deles procedentes de Portugal”, e avanzou que os tres ‘opens’ desta edición traduciranse nunha gran cantidade de galardóns, entre eles, “o trofeo ao xogador máis xoven, o do xogador revelación e o de maior proxección”. Fernando Álvarez agredeceu especialmente o traballo do Concello de Pontevedra, a Deputación provincial e o Príncipe Felipe, “ao conseguir que o clube dese un paso tan importante como o de adestrar nas súas instalacións”.

A deputada do PSOE Olga García Ballesteros afirmou que “é unha honra para o Goberno provincial que este Torneo Internacional poida xogarse no Príncipe Felipe” e desexoulles aos xogadores do Tenis de Mesa Monte Porreiro “toda a sorte para que acaden as súas metas”. Pola súa banda, o tamén socialista Tino Fernández lembrou que “a práctica da actividade física en idades temperás resulta fundamental dende o punto de vista da saúde física e mental, tanto de pais como de rapaces” e sinalou que as cifras de participación e a calidade dos xogadores avalan que “as cousas estanse a facer ben”.

COMPARTIR