Uns 180 ciclistas daranse cita este domingo na ‘clásica’ de 100 kilómetros do Trofeo Cidade de Pontevedra

65
  • O evento en memoria de Rogelio Acuña discorre polo tradicional percorrido da Volta ao Morrazo e finaliza na Praza de España 

Uns 180 ciclistas de categorías élite-sub 23 e máster participarán este domingo no III Trofeo Cidade de Pontevedra (Memorial Rogelio Acuña), organizado pola Federación Galega de Ciclismo grazas á colaboración da Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, e da Deputación provincial. A carreira, que foi presentada hoxe polo edil do PSOE en compañía do vicepresidente da Federación, Javier Cajiao, e do director deportivo do Supermercados Froiz, Manuel Rodríguez, partirá ás 10.00 horas da Praza de España, discorrendo por parte do tradicional percorrido da Volta ao Morrazo, finalizando tamén diante da antiga Casa Consistorial en torno ás 12.30 horas.

Tino Fernández salientou a importancia do deporte da bicicleta nunha cidade como Pontevedra, “onde existe un modelo urbano que invita á súa práctica e o número de bicicletas por persoa debe de ser dos máis elevados de toda a comunidade”. “Para nós, é esencial que esta realidade se visibilice a través de eventos desta relevancia -subliñou o concelleiro socialista- e máis aínda nunha proba que rende homenaxe a unha figura que estivo tan implicada co deporte pontevedrés como Rogelio Acuña”.

Javier Cajiao referiuse ao Trofeo Cidade de Pontevedra como “unha clásica de 100 kilómetros moi bonita e importante”, que “xa foi máis dura do que é, cando Evaristo Estévez incluíu no percorrido a subida á Escusa e que este ano non formará parte do trazado. Segundo explicou, a carreira discorrerá por Pontevedra, Marín, Bueu, Domaio, Santa Cristina de Cobres, Vilaboa, Arcade, Soutomaior, A Reigosa e Ponte Bora, entrando de volta na cidade a través da ponte dos Tirantes e Arcebispo Malvar.

O director deportivo do Supermercados Froiz, entidade que colabora na organización do evento, asegurou que “a proba volve poñer a Pontevedra no mapa ciclista”, recuperando “o percorrido dunha clásica de fai anos, como a Volta ao Morrazo, unha proba dura co terreo moi quebrado”.