Medio Natural acondiciona unha superficie equivalente a tres campos de fútbol entre A Seca e os terreos de Tafisa

64
  • As actuacións das brigadas de Parques e Xardíns abranguen desbroces, podas e talas en diversas parcelas de propiedade municipal, privada e descoñecida ubicadas nesta contorna

Unha equipa de operarios pertencentes á brigada municipal de Parques e Xardíns está a acometer os traballos para o acondicionamento de diversas parcelas ubicadas entre a rúa da Seca e os terreos da urbanización da antiga Tafisa. Tal e como subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, as actuacións deseñadas nesta contorna “abranguerán, no seu conxunto, unha amplísima superficie, de máis de vinte mil metros cadrados, practicamente o equivalente a tres campos de fútbol”.

Segundo apunta o edil do PSOE, os traballos “son froito dun estudo previo de inventariado de todas aquelas parcelas que, polo seu mal estado, precisan dun acondicionamento de xeito prioritario” e inclúen “desbroces, segas, talas e curtes de arboredo”. “As fincas que se están a limpar son tanto de titularidade municipal como de propiedade descoñecida, así como aqueles casos nos que os propietarios desatenden as ordes de limpeza tramitadas dende o Concello e que, en conscuencia, foron obxecto de expedientes de disciplina medioambiental de execución subsidiaria”, explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Para levar a cabo estes traballos, que permitiron despexar por completo algunhas zonas pegadas ás vías do ferrocarril (en paralelo aos viais creados na urbanización de Tafisa), os operarios do departamento de Parques e Xardíns contan coa axuda dunha pala e de  diversas máquinas desbrozadoras. 

Iván Puentes fai fincapé na importancia de “inventariar e valorar o estado das parcelas do municipio, co obxectivo de ir conformando un plan de limpeza que permita manter eses predios nun estado axeitado e cun custe asumible para a Administración local”.