Unha delegación de Funchal visitará Pontevedra para coñecer o seu proceso de transformación urbana

23

Tras coñecer o modelo urbano de Pontevedra da man da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o presidente da Cámara Municipal de Funchal, Miguel Gouveia, anunciou que unha delegación deste municipio visitará a cidade do Lérez para coñecer in situ o seu proceso de transformación urbana. Pendentes de concretar as datas da visita, a delegación de Funchal vén sumarse á listaxe de cidades que se fixan no modelo pontevedrés como referencia para acometer transformacións urbanas baseadas na mobilidade peonil e na priorización das persoas nos espazos públicos.

O relatorio de Anabel Gulías na xornada principal da Semana da Mobilidade de Funchal foi precedido por unha presentación de Miguel Gouveia, quen aproveitou para louvar todo o que se avanzou en Pontevedra en materia de accesibilidade e mobilidade. Gulías, encargada de abrir a quenda de intervencións da xornada, fixo un somero percorrido polos parámetros aplicados na cidade de Pontevedra para acadar a convivencia de formas diversas de mobilidade no espazo urbano. No debate posterior e a tenor das intervencións do público e dos demais relatores da mesa, puido constarse que os principais focos de atención estaban na replicabilidade do modelo pontevedrés noutras cidades (por exemplo, a propia Funchal), así como nas medidas de calmado do tráfico e na sensibilización da veciñanza para reducir a cero a cifra de mortos por atropelo. O moderador da mesa, o profesor da Universidade de Lisboa Joao Figueira de Sousa, fixo especial fincapé na capacidade política do goberno municipal de Pontevedra para acometer a transformación da cidade, valorando moi positivamente a participación veciñal neste proceso. 

Antes da celebración da xornada, Anabel Gulías mantivo dous encontros de traballo, un co concelleiro de Mobilidade Urbana e Transportes, Bruno Martins (onte pola tarde), e o segundo, a primeira hora desta mañá, co presidente da Cámara Municipal, Miguel Gouveia. Nestas xuntanzas, os representantes municipais da cidade de Funchal interesáronse por cuestións como o o tempo investido na planificación e execución da transformación urbana, o número de lexislaturas que o grupo municipal do BNG leva no goberno de Pontevedra, ou as reaccións, tanto positivas como negativas, que a transformación urbana produciu entre a veciñanza da cidade.

Interesáronse, ademais, polos proxectos de futuro e principais retos que asume Pontevedra de cara os vindeiros anos. Neste punto, Anabel Gulías informou sobre o modelo de xestión de residuos que se está desenvolvendo, baseado na compostaxe individual e comunitaria, e sobre o modelo de transporte a demanda.