Encontros cos colectivos sociais do concello para que propoñan actividades para o programa Efecto PO2

57

A Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, comezou unha rolda de contactos coas entidades e asociacións do concello para presentarlles o programa Efecto PO2, que pretende traer ao primeiro nivel da actúalidade local o momento clave de emerxencia climática que vive o planeta e o protagonismo que ten Pontevedra. O obxectivo tamén é ofrecerlles a posibilidade de que presenten propostas de actividades para desenvolver ao longo do último trimestre do ano.

As reunións celebradas polo de agora foron coa Federación de Veciños Castelao, coa Fampa, e cos responsables do Green Campus que acolleron moi ben a campaña. Está pendente de pechar outros encontros con outras entidades, como coas asociacións ecoloxistas da cidade, que será nos vindeiros días.

A campaña, que será unha liña de traballo clave dos vindeiros catro anos, pretende “vincular a imaxe de Pontevedra coa súa transformación urbana e a revolución ecolóxica que supuxo coa aposta pola loita pola emerxencia climática, que hoxe está en boca de todos”, indicou a concelleira na presentación. Recordou que no momento en que Pontevedra impulsaba o seu modelo de cidade “non era un debate que se tiña”.

O nome da campaña Efecto PO2 cóllese das emisións de CO2, que son unhas das principais causas do quecemento global do planeta. Precisamente Pontevedra coa posta en marcha de políticas de cambio de concepción de espazos públicos e redución de tráfico a motor, conseguiu reducir as emisións nun 66%”.

Os obxectivos da campaña Efecto PO2 son:

  • Demandar das institucións políticas claras de acción para emerxencia climática e a investigación das causas reais da emerxencia climática.
  • Impulsar políticas que Pontevedra xa ten en marcha como o modelo urbano que reduce o CO2, avanzar na redución da pegada ecolóxica nos biorresiduos (compostaxe), e reducir as fugas da auga na rede de abastecemento e de sumidoiros para xestión racional e eficiente da auga.
  • Chamar á mobilización cidadá o vindeiro 27 de setembro cando están convocadas mobilizacións a nivel global para denunciar a emerxencia climática na que se atopa o planeta. “Pontevedra foi pioneira no impulso de accións reais e queremos acompañar ás accións que se fagan en Galiza e a nivel xeral para demandar o cambio real na toma de decisións”, explicou Anabel Gulías.

Programación local

Ademais de acompañar ás mobilizacións que se poñan en marcha o vindeiro 27 de setembro, dende a Concellaría de Promoción da Cidade proporanse actividades complementarias:

  • Nos institutos coa colaboración co CSIC. O investigador Antón Salgado axudará a explicar aos máis novos que o tema da emerxencia climática, tratando de mobilizar ao alumnado.
  • Nos centros de primaria, aproveitarase a edición do libro “A miña cidade” feito baixo o ciclo Urbtopías, para traballar cos cativos na concienciación de que o cambio global empeza no local.
  • Asistencia a foros de debate internacional sobre o futuro da cidades e o clima como os que se van desenvolver en Glasgow, Rostock ou Funchal, nos que participará Pontevedra. Esta programación, que se desenvolverá no último trimestre do ano, irase completando ao longo dos meses con conferencias, exposicións, debates… e incorporando os indicadores ambientais da cidade de Pontevedra ao Observatorio Urbano de Pontevedra, entre outras iniciativas.

“Pensa globalmente, actúa localmente”

COMPARTIR