O Concello prepara unha transferencia dun millón de euros 
 para o Gran Montecelo

55
  • O vinceiro Pleno debatirá unha modificación de crédito no que se inclúe esta partida, que será a primeira das tres transferencias previstas
  •  Tamén está en marcha o subministro de auga potábel ao novo hospital, incluída dentro dun investimento de 4,6 millóns para dotar de auga a toda a parroquia de Mourente

A Xunta de Goberno vén de aprobar unha modificación de crédito por un importe de 1.237.500 euros, na que se inclúe unha partida de 900.000 euros destinados á primeira achega que o Concello debe transferirlle á Xunta para a ampliación do Hospital Montecelo. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, quen explicou que estes 900.000 se suman aos 100.000 reservados no Orzamento 2019, para acadar o primeiro millón de euros comprometido. O concelleiro explicou que o Concello ten o compromiso de achegar 4 millóns de euros para este proxecto, dos cales o primeiro millón se transfire tras a aprobación do Plan sectorial do novo hospital. “A través dos medios de comunicación nos enteramos de que en xullo foi aprobado este plan sectorial e, en agosto, xa puxemos en marcha os mecanismos para facer esta achega”, informou Raimundo González, quen indicou que acaba de chegar a comunicación por parte da Xunta de que estaba aprobado o plan sectorial de maneira definitiva. A segunda achega está prevista tras as valoracións das expropiacións, e a terceira cando estean feitos os viais. Ademais das achegas económicas, o Concello xa ten en marcha un segundo compromiso relativo ao subministro de auga potable ao novo Montecelo. Neste sentido, Raimundo González indicou que o pasado 2 de setembro deron comezo as obras de subministro de auga potable á parroquia de Mourente, nas que se inclúe Montecelo. Lembrou que o importe desta obra ascende a 4.614.000 euros e que a previsión é que estea rematada antes dun ano, “co cal Montecelo vai ter auga bastante antes do que a necesite” asegurou.

A modificiación de crédito aprobada hoxe en Xunta de Goberno inclúe 102.500 euros para deportes, para organización de eventos, servizos deportivos e combustibles e carburantes; 100.000 euros de achega ao Pazo da Cultura para a programación de outono-inverno; 75.000 euros para a programación de Nadal de actividades culturais; 40.000 euros para incrementar as partidas de reparación de colexios; e 20.000 euros de campaña de sensiblización e recollida de animais domésticos.

Na mesma Xunta de Goberno tamén se aprobou a ordenanza de contribucións especiais para investimentos no servizo de extinción de incendios. Raimundo González explicou que a través do convenio anual coa Gestora de Conciertos para la Contribución de Servicios de Extinción de Incendios, se ingresan 263.664 euros anualmente, que sumados a unha achega do Concello, permiten facer unha programación ata o ano 2026 para a mellora do Servizo de Extinción de Incendios.

Tal e como anunciara a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, nesa programación de mellora inclúense o hangar de vehículos, a reposición de maquinaria, ou a adquisición de novos vehículos. A suma do que se estima ingresar a través o convenio máis a achega do Concello ascende a 1.972.000 euros.

COMPARTIR