Yoya Blanco busca incentivar a creatividade audiovisual cunha nova edición do curso Pontevedra Rodando

56
  • A iniciativa de Promoción Económica ofrece a alumnos de tódalas idades a posibilidade de crear pezas audiovisuais. Pablo Cacheda coordinará unha equipa docente con Santi Romay e Pablo Viña

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, a través da Pontevedra Film Commission, busca incentivar a creatividade audiovisual coa celebración dun novo curso de Pontevedra Rodando, no que a temática dos traballos finais que se presenten versará sobre ‘A vida na cidade de Pontevedra’. O obradoiro dará comezo o vindeiro 9 de outubro e incluirá seis clases teóricas impartidas tódolos mércores e venres na Sala Bolechas da Casa da Luz e diversas sesións de carácter práctico, ofrecendo a alumnos de calquera idade, a partir dos 12 anos, a posibilidade de crear historias audiovisuais dende o inicio ata o final do proceso creativo.

O curso será impartido por unha equipa docente que coordinará o realizador Pablo Cacheda, creador da produtora Volvemos a Primera, e que contará coa colaboración dos actores Santi Romay e Pablo Viña. A iniciativa foi presentada hoxe na Casa da Luz polo propio Cacheda, técnico de imaxe en series da TVG como Padre Casares, Matalobos ou Serramoura; Miguel López, responsable da Film Commission, e a edil do PSOE Yoya Blanco, quen salientou o feito de que “os alumnos poidan participar nunha rodaxe real, coñecer a profesionais do sector audiovisual, pasar unha xornada cun actor e mesmo converterse nun por un día”.

“Pontevedra -subliñou a socialista- segue a destacar como espazo de rodaxe e a Film Commission consolídase como órgano de apoio á formación audiovisual preuniversitaria e amateur. A pezas que xeneren os rapaces servirán de pretexto para facer un evento/gala de proxección das mesmas, que quedarán a disposición do Concello de Pontevedra para usos futuros”.

O acto de presentación tivo lugar na Casa da Luz.

Segundo explicou Pablo Cacheda, as clases teóricas desenvolveranse en horario de tarde e terán unha duración de entre dúas horas e dúas horas e media, mentres que a rodaxe dos proxectos levarase a cabo en unha ou dúas xornadas, en función dos grupos de traballo. O autor da webserie Clases de lo Social, o musical Superpunky e o documental Ser do Mercantil, todos eles gravados en Pontevedra, apuntou que “os grupos de traballo decidirán a forma (curta de ficción, spot, curta documental…) e o xénero (comedia, amor, drama, terror…) da historia, dando lugar a puntos de vista distintos e deixando voar a súa creatividade”.

Pezas seleccionadas en diversos festivais

A primeira edición de Pontevedra Rodando celebrouse en 2017 contou con 19 inscritos de tódalas idades, deixando un balance de tres curtametraxes, arredor de 2.000 visitas en redes e unha selección no Festival Freakmazine. Na do ano pasado apuntáronse 17 persoas e traduciuse na elaboración dunha curtametraxe documental e outra de carácter fantástico na cidade, así como unhas 2.200 visitas en Youtube, a preselección da peza Metrocabina para os Mestre Mateo e a súa selección nos festivais de Elche, Ostia (Italia), Benevento e Fenacies (Uruguai).

As sesións do obradoiro levan os seguintes títulos: ‘O texto, a idea no papel’, ‘Producindo e realizando’, ‘Un pouco de técnica’, ‘Quero ser actor ou director’, ‘Preparando unha rodaxe’ e ‘A rodaxe’. O curso permitirá coñecer os conceptos de sinopse, obxecto-musas, puntos de xiro e metáfora, así como os tipos de pezas audiovisuais e as tipoloxías de planos; simular equipas reais de produción, imaxe, son, realización e arte; introducirse nos formatos de vídeo e a gravación básica con calquer dispositivo; realizar o desglose de necesidades dunha filmación e coordinar á equipa, e levar a cabo unha rodaxe tutorizada nos diferentes espazos con cámaras e dispositivos de son profesionais.

COMPARTIR