A campaña Efecto PO2 achega o impacto do cambio climático no mar aos institutos

48

A campaña Efecto PO2, no seu cometido de concienciación e sensibilización sobre os efectos do cambio climático, programa unha serie de charlas sobre o impacto do cambio climático no mar de Galicia. O encargado destas sesións será o investigador do CSIC, Xosé Antón Álvarez Salgado, que estarán destinadas a alumnado dos institutos públicos da cidade. As charlas terán lugar os días 25 e 26 de setembro, e a semana do 30 de setembro ao 4 de outubro.

“Para nós é moi necesario reinvindicar a vinculación do local cos problemas ecolóxicos globais e queremos analizar desde un punto de vista galego que é o que acontece con esta emerxencia climática” asegurou Anabel Gulías durante a presentación das charlas. A concelleira de Promoción da Cidade asegurou que é vital coñecer as causas dunha situación da cal estamos vivindo xa os efectos, así como “reivindicar a canteira científica e académica que temos neste país para poder seguir concienciando, mobilizando e sensibilizando”.

Pola súa banda, Xosé Antón Álvarez Salgado indicou que “a maneira de sensibilizar á poboación e poñendo exemplos de que o cambio climático está aquí tamén”. Así, tomando como referencia mediados do século pasado, explicou que a temperatura superficial da auga ten aumentado un grao nos últimos 70 anos e no nivel medio do mar ten ascendido 18 centímetros no mesmo período, ao tempo que as nortadas son menos intensas e menos persistentes. Ademais de expoñer estes datos, Álvarez Salgado tratará de transmitirlle ao alumnado como o impacto do ser humano afecta ao ecosistema mariño e como estes cambios se verán reflectidos nas mareas ou nas infraestruturas portuarias. O obxectivo último é o de concienciar sobre o tipo de sociedade que se precisa para o futuro, de cara a mitigar a emerxencia climática e comprometerse coas medidas necesarias para freala.

Xosé Antón Álvarez Salgado é Doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e a súa especialidade é a Oceanografía Química. Desde 1999 forma parte da plantilla do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), en Vigo, onde exerce como Profesor de Investigación. O seu traballo céntrase no estudo dos ciclos do carbono e as sales nutrintes en augas costeiras, de plataforma e oceánicas, con especial énfase no sistema de afloramento de Galicia, tanto desde o punto de vista da explotación dos recursos vivos como do cambio global. Tamén é autor de máis de 150 artigos científicos.

COMPARTIR